Friday 22 de November de 2024

A alcaldesa recibiu no Concello á naronesa Zoraida Bermúdez, medalla de ouro no World Masters Classic Powerlifting Champinships 2024


A naronesa Zoraida Bermúdez Doce é dende este mes campiona do mundo de powerlifting, un novo éxito na súa dilatada carreira deportiva. A alcaldesa, Marián Ferreiro, recibiuna esta mañá no Concello acompañada polo edil de Deportes, Ibán Santalla. O World Masters Classic Powelifting Championship celebrouse do 5 ao 13 deste mes en Sun City, Sudáfrica. A campiona acudiu xunto cunha irmá, Lorena, e de Aurelio Morado e Jesús Prieto, todos eles destacados deportistas do mesmo club que Zoraida.

A bióloga naronesa presentouse na categoría de 57 quilos, para maiores de 40 anos -ten 41- e acadou o ouro fronte a outra decena de competidoras, levantando un total de 380 quilos. Nesta modalidade deportiva, Zoraida tivo que realizar tres exercicios de levantamento de peso: sentadilla, press de banca e peso morto. Tralo éxito acadado recoñece a dureza da competición e tamén falou coa alcaldesa e o edil naronés sobre a súa traxectoria deportiva, que a levou a iniciarse na competición no ano 2019. O pasado mes de febreiro alzouse coa prata no campionato europeo celebrado en Torremolinos e tamén foi ouro no Nacional M1 e na Copa de España.

A alcaldesa felicitouna persoalmente polos éxitos obtidos na súa traxectoria neste deporte e, en particular, por este último campionato que a posiciona na élite mundial. “Sempre é un orgullo ver como as nosas veciñas e veciños chegan ao máis alto nivel, neste caso deportivo, levando con orgullo o nome desta cidade alá por onde compiten e dando o mellor de si para acadar tan excelentes resultados”, asegurou Ferreiro. A rexedora local incidiu en que “grazas a xente coma ti Narón está tamén na élite mundial do deporte, polo que non podemos máis que agradecer o voso esforzo e dedicación e sentirnos orgullosas e orgullosos das e dos deportistas locais”.