Thursday 24 de October de 2024

Xunta e Concello de Brión asinarán un acordo marco para a mellora das infraestruturas educativas no municipio


O conselleiro de Educación recibe ao alcalde para avaliar futuras actuacións no colexio de Pedrouzos e no IES de Brión

Pablo Lago aproveitou o encontro para trasladarlle ao conselleiro as demandas da comunidade educativa brionesa sobre as necesidades de recursos humanos no CEIP

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o alcalde de Brión, Pablo Lago, acordan impulsar a mellora das infraestruturas educativas neste concello cunha serie de actuacións que se plasmarán a través dun acordo marco no que se recollerán as obrigas de cada unha das partes.

Así pois, na reunión de traballo mantida hoxe, o conselleiro e o alcalde acordaron que a Xunta asumirá a contratación dun proxecto de reforma sectorial do Colexio CEIP Plurilingüe de Pedrouzos en base ás necesidades trasladadas polo Concello. Así mesmo, a Xunta accederá á petición de cesión dunha parte da parcela do colexio para a construción dunha dársena de autobuses que mellore o servizo de transporte do alumnado.

No que atinxe ao Instituto IES de Brión, traballarase nun proxecto para a cubrición dos laterais do patio cuberto por parte do Concello mentres que a Xunta se compromete a facilitar o uso compartido de dito patio por parte da administración local fóra do horario lectivo.

O alcalde brionés valorou a boa recepción destas iniciativas por parte do conselleiro e aproveitou tamén a reunión para trasladarlle as demandas da comunidade educativa brionesa sobre as necesidades de recursos humanos no CEIP de Pedrouzos.

Deja un comentario