Explica que esta iniciativa busca a captación de capital para desenvolver grandes proxectos sobre a fábrica intelixente e as tecnoloxías que a rodean, como a intelixencia artificial, o internet das cousas, a impresión 3D ou o Big Data
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello a posta en marcha de Iniciativa Captación de Investimentos 4.0, un proxecto pioneiro para atraer a Galicia investimentos de máis de 50 millóns de euros e que xeren retorno na Comunidade.
Máis polo miúdo, Feijóo explicou que esta iniciativa busca a captación de capital para desenvolver grandes proxectos sobre a fábrica intelixente e as tecnoloxías que a rodean, como a intelixencia artificial, o internet das cousas, a impresión 3D ou o Big Data. E con dous requisitos básicos: que o produto da innovación se fabrique en Galicia e que se comercialice desde a comunidade.
“Estamos a falar en definitiva de proxectos tecnolóxicos con orzamentos superiores a 50 millóns de euros cuxo apoio público oscilará entre o 25 e o 40% do custo do proxectos”, aseverou.
Para garantir que eses investimentos xeren retorno na Comunidade, o titular da Xunta precisou que se esixirá o compromiso previo da empresa de realizar a explotación de resultados exclusivamente en Galicia, co conseguinte impacto no tecido produtivo derivado do investimento en I+D.
Feijóo precisou que nos vindeiros días publicarase no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se invita as empresas a que manifesten o seu interese en presentar propostas. Estas iniciativas deberán contar coa aprobación da Xunta, que terá en conta a idoneidade dos proxectos; o servizo aos intereses estratéxicos da industria; a súa excelencia innovadora; e o seu compromiso de subcontratar centros de coñecemento da Comunidade.
Novo récord histórico de exportacións
Durante a rolda de prensa, o responsable do Goberno galego subliñou que no 2015 Galicia bateu o récord de exportacións da historia económica da comunidade: “Exportamos un 5,6% máis que no 2014, o que significa a maior taxa de exportación da historia da economía de Galicia e máis de 1,5 puntos por riba do incremento das exportacións da economía española”, dixo.
Cómpre salientar que as vendas ao exterior da comunidade sumaron o ano pasado un total de 18.831 millóns de euros. Cun téxtil que incrementou as vendas ao exterior un 13,9%; o sector da automoción un 5,8%; as exportación de máquinas e aparatos mecánicos subiron un 13,1% e as conservas de carne e peixe medraron un 5,7%.
Feijóo garantiu o compromiso do Goberno galego para seguir a desenvolver unha política industrial cuxos obxectivos se atopan fixados na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0; “ coa que buscamos –lembrou- impulsar a competitividade, fixar o tecido industrial en Galicia e consolidar o crecemento. Todo isto para lograr que no ano 2020 a actividade industrial represente o 20% do noso Produto Interior Bruto e a creación de 50.000 novos empregos neste ámbito”.
Nesta liña, o titular da Xunta salientou tamén que para facer a Comunidade galega atractiva para os investidores, puxéronse en marcha medidas como as rebaixas no solo industrial, que permitiron vender o ano pasado máis de 500.000 metros cadrados; o Plan de Banda Larga 2020, para introducir ás empresas galegas nunha economía dixital; ou a simplificación administrativa, coa nova Oficina Doing Business, unha canle para suprimir barreiras e impulsar a posta en marcha de proxectos.