A biblioteca municipal conseguiu un dos premios da Campaña María Moliner convocada polo Ministerio de Cultura para recoñecer o traballo das axencias de lectura de municipios de menos de 50.000 habitantes
Hoxe celébrase o Día das Bibliotecas. E tamén hoxe -mellor dito, onte a última hora- coñecemos que a Biblioteca Municipal de San Sadurniño, coñecida nas redes como Lendo en San Sadurniño, está entre os mellores proxectos de dinamización da lectura de todo o Estado. Así o certifica a obtención dun dos galardóns da Campaña María Moliner 2024 que convoca o Ministerio de Cultura para recoñecer a innovación e o labor de animación que levan a cabo as bibliotecas nos municipios de menos de 50.000 habitantes. Ademais do recoñecemento, o premio ten unha dotación económica de 2.700 euros.
A bibliotecaria municipal, Anabel Gavín Merlán, puxo en marcha fai hoxe exactamente dous anos un proxecto de animación para o período 2023-2024 baixo a epígrafe “O poder da imaxinación”, coa finalidade de “chegar ao maior número posible de persoas”, ás que se lles recomendan todo tipo de lecturas “en función do seu perfil” e para as que se organizan múltiples actividades, aínda que as máis numerosas e exitosas son os clubs de lectura.
“Queremos abrir horizontes, darnos conta da importancia da imaxinación, do seu poder para saír do aburrimento, da rutina, da opresión, da tristeza ou do decaemento. Agardamos que a biblioteca signifique para eles e elas expansión, liberdade…”, explica Gavín
Con este obxectivo, o labor de dinamización ten na rapazada un dos seus principais públicos obxectivos, complementando a inmersión lectora que se leva a cabo na escola e tamén no seo de moitas familias. Para as nenas e nenos de 7 a 12 anos hai en marcha un club de lectura que chegou a ter 24 participantes reuníndose tres veces por semana arredor dos libros, aínda que nos últimos meses a cifra descendeu pola concorrencia doutras actividades.
Con todo, na actualidade hai 15 que seguen acudindo á cita coa lectura, agora os mércores e xoves, sen contar con que tamén se fomenta o seu espírito creativo propoñéndolles que escriban as súas propias historias. “Ás nenas e nenos lanzámoslles unha pregunta ao aire para que creen a súa historia ou historias. Partimos de ideas como pensar como sería o seu xardín se todos os animais falasen, que pasaría se uns seres alieníxenas invadisen San Sadurniño…etc. Propoñémoslles mundos máxicos nos que poidan voar libremente cos seus pensamentos. Na imaxinación sempre hai un mundo de posibilidades, e é marabilloso velo florecer nos relatos que escriben”.
Ademais de cativería e adolescencia, as actividades da biblioteca tamén contan cun bo número de participantes en idade adulta. Ao club de lectura, para o que tamén se organizan obradoiros de escrita, ten 25 fieis que len e logo debaten sobre obras de todo tipo, desde os clásicos até as últimas novidades editoriais.
Por outra banda, o traballo da biblioteca trascende as propias instalacións e, de feito, a responsable do servizo, Anabel Gavín, acode dous días á semana á residencia de persoas maiores SuaCasa e ao Centro de Día de San Sadurniño para recomendarlles libros ás avoas e avós e lerlles pasaxes en voz alta. “Para min é moi gratificante, porque moitos dos relatos dán pé a que moitas e moitos residentes falen das súas vivencias e mostren os seus pensamentos e emocións”, asegura Gavín, quen tamén fai visitas a domicilio para lerlles, sobre todo, a persoas de idade avanzada ou con dificultade para facelo por si mesmas.
Todo este traballo recibiu o recoñecemento estatal dos premios da Campaña María Moliner convocada polo Ministerio de Cultura, á que se presentaron cerca de 700 candidaturas. Tras coñecer a noticia, a bibliotecaria quixo compartir nas redes sociais unha mensaxe de gratitude dirixida a todas as persoas usuarias do servizo e participantes nos clubes de lectura. “Gracias ao seu entusiasmo, dedicación e amor pola lectura, logramos un incrible recoñecemento, que é un reflexo do esforzo colectivo e da paixón por fomentar a lectura. Estou moi orgullosa do que conseguimos xuntos e emocionada polo que está por vir. Sigamos lendo e gozando xuntos”, escribiu Anabel Gavín Merlán onte á noite na páxina en Facebook Lendo en San Sadurniño.