Friday 22 de November de 2024

EMVSA asumirá a xestión do Banco Municipal de Vivenda a partir desta mesma semana, con case dous millóns de investimento ata o ano 2026


Este xoves finalizaron os trámites necesarios para completar o procedemento de traspaso dos máis de 400 inmobles que forman parte do patrimonio residencial do Concello, destinados a alugueiro social

Inés Rey lembrou, ademais, que a posta en marcha do novo programa de asesoramento e orientación ás persoas arrendatarias, ideado para facilitar o acceso á vivenda, está prevista antes de que remate o ano

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe a Xunta de Goberno Local, convocada en sesión extraordinaria coa finalidade de completar o procedemento que habilitará á Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA) a asumir a xestión do parque municipal de vivendas, unha iniciativa impulsada co obxectivo de adaptar o patrimonio residencial do Concello ás necesidades de vivenda social que se detecten na cidade a medio e longo prazo.

Neste sentido, a rexedora lembrou que, a día de hoxe, son máis de 400 os inmobles do Concello destinados a arrendamentos sociais, situados en puntos como Os Pelamios, os arcóns de Orillamar, As Lagoas, Someso, Eirís, Os Rosales, o grupo de vivendas do Carme e tamén en Novo Mesoiro, entre máis localizacións repartidas nos barrios da cidade, como son a Agra do Orzán, Os Mallos, a Sagrada Familia e Catro Camiños. Ademais, a estes bens patrimoniais hai que sumar 26 locais, 76 prazas de garaxe e 63 rochos.

Agora, o Concello ten previsto destinar case dous millóns de euros á xestión do Banco Municipal de Vivenda a través do encargo a EMVSA, que entrará en vigor a partir deste sábado 26 de outubro e será efectivo, de inicio, durante 18 meses, entre os anos 2025 e 2026. “Esta medida vai en sintonía con outra iniciativa aprobada recentemente: a posta en marcha dun novo programa de asesoramento e orientación ás persoas arrendatarias para facilitarlles o acceso á vivenda na cidade”, explicou a alcaldesa, que lembrou que a previsión do Concello é que este programa estea en marcha antes de que remate o ano.
Creación dun rexistro de demandantes de vivenda en alugueiro social

O encargo á EMVSA para xestionar o Banco Municipal de Vivenda tamén suporá, en termos prácticos, que asumirá funcións diversas en materia de atención e asesoramento ás persoas demandantes de vivenda en réxime de alugueiro social.

Por iso, entre os traballos que executará o persoal da EMVSA estará a creación e administración dunha base de datos do parque de vivendas que se integran no Banco Municipal de Vivenda, que terá en conta factores como as condicións de accesibilidade e as características dos inmobles no seu interior, o que facilitará, á hora de xestionar os alugueiros, o filtrado en función das necesidades de cada persoa demandante.

Por outra banda, tamén se dará forma a un novo rexistro de demandantes de vivenda pola vía de alugueiro social, ao que poderán concorrer todas as persoas e unidades de convivencia que acrediten o cumprimento das condicións persoais e socioeconómicas que marque o regulamento.
Ademais das tarefas de xestión legal, administrativa e económica no tocante ao arrendamento das vivendas, EMVSA tamén se encargará do referente ao seguimento, solicitude e xestión de axudas públicas, así como da difusión pública e información á cidadanía sobre as convocatorias para a incorporación de vivendas ao banco, e adxudicación ás e aos arrendatarios.