Friday 22 de November de 2024

Cariño acolle este sábado o espectáculo musical ‘Conto-Concerto’ da man de Xoán Curiel


• Será no Auditorio da Casa da Cultura a partir das 18:30 horas e conta con entrada gratuíta.

• A actuación estaba prevista para finais de setembro, pero tívose que pospoñer polas obras para a ampliación da potencia eléctrica do edificio.

O Concello de Cariño acollerá este sábado, 26 de outubro, o espectáculo musical ‘Conto-Concerto’, que se celebrará no Auditorio da Casa da Cultura a partir das 18:30 horas. A actuación, que correrá a cargo do artista Xoán Curiel, está orientada ao público infantil e conta con entrada gratuíta ata completar aforo.

O espectáculo estaba previsto inicialmente para finais de setembro, pero tívose que pospoñer polas obras para a ampliación da potencia eléctrica do edificio, sendo este sábado a data elixida para que se celebre finalmente. Esta actuación pertence á Rede Cultural da Deputación da Coruña.
‘Conto-Concerto’ é un espectáculo musical e teatral a cargo do artista Xoán Curiel, que propón un enxeñoso formato que empeza cun relato sobre como empezou a coñecer e a conectar coa música e termina transformándose nun concerto. Xéneros como o pop, o rock, o reggae, o funky ou a música tradicional mestúranse nunha experiencia participativa e refrescante baseada no libro-disco ‘Estamos non verán!!!’, que fará espertar a imaxinación dos nenos e nenas e convidaraos a redescubrir a música.