A esta instalación, que se está a habilitar no sector noroeste do parque, sumaranse os traballos previstos a carón da praia de Oza, onde xa hai un circuíto de calistenia que verá incrementada a súa superficie proximamente
O Concello da Coruña está a traballar estes días no parque de Vioño, onde se habilitará un novo espazo para fomentar a práctica de calistenia, unha disciplina deportiva coa que as persoas usuarias poderán practicar actividade física e exercicio ao aire libre usando o seu propio peso corporal.
Os novos equipamentos xa se están a instalar no sector noroeste do parque, aproveitando un anel con firme de area que, a día de hoxe, estaba infrautilizado. Como paso previo á intervención, o Concello acoutou a superficie de actuación e xa, a posteriori, os operarios municipais procederon á sinalización dos puntos onde se habilitarán os circuítos de adestramento. Varias das estruturas xa se colocaron hoxe.
Neste sentido, a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, adiantou que, ademais do parque de Vioño, o Concello ten previsto actuar en outros puntos da cidade para ampliar os circuítos de calistenia xa existentes. É o caso do que hai a carón da praia de Oza, onde atendendo ao frecuente uso que lle dan as persoas usuarias, así como á afluencia diaria, tamén se actuará proximamente.
Desta forma, o Goberno de Inés Rey dá un novo pulo ao seu plan de mellora das infraestruturas deportivas na cidade, que nos últimos anos, e atendendo exclusivamente á práctica de calistenia, supuxo a creación de novos espazos na rúa Alcalde Jaime Hervada (O Ventorrillo), nos xardíns lindeiros ao pavillón polideportivo municipal do Barrio das Flores e tamén preto da praza José Toubes, en Catro Camiños, onde se habilitou unha área deportiva este mesmo ano.