Friday 22 de November de 2024

O Consello Escolar Municipal de Bergondo alerta de problemas relacionados coa adicción ás pantallas


· Na reunión anual, celebrada o martes, tratáronse cuestións como a falta de profesorado para alumnado con necesidades especiais ou a programación dos centros bergondeses para este curso escolar.

Este martes celebrouse a sesión anual do Consello Escolar Municipal de Bergondo. Presidida pola alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, contou coa participación de representantes da comunidade educativa, entre os que se atopaban responsables dos centros educativos, o inspector de Educación da Xunta, membros do AMPA, e representantes tanto de profesorado como de pais e nais. Nesta reunión debatéronse temas clave para o curso escolar no municipio.

Un dos puntos máis destacados foi a reivindicación de máis profesorado no CPI Cruz do Sar, especialmente no ámbito da Pedagoxía Terapéutica. Os membros da comunidade educativa fixeron fincapé na necesidade urxente de contar con máis recursos para a atención a nenos con necesidades educativas especiais, que cada vez son máis, subliñando que a falta de persoal especializado está a afectar á calidade da educación.

Outro asunto que xerou amplo debate foi a situación do persoal non docente. En particular, fíxose mención a que o conserxe do CPI Cruz do Sar é contratado polo Concello, a pesar de que esta é unha competencia da Xunta de Galicia. Desde o Concello opínase que non debería seguir asumindo responsabilidades que non lle corresponden e que deberían ser xestionadas polo goberno autonómico.

No ámbito da saúde e o benestar do alumnado, o profesorado alertou sobre unha crecente problemática nas aulas relacionada coa adicción ás pantallas, unha situación que afecta a estudantes de todas as etapas educativas, incluíndo os máis pequenos. Constatouse que o déficit de atención é unha das consecuencia directa deste fenómeno, que se agrava co tempo. Neste sentido, faise un chamamento ás familias para traballar de maneira conxunta na solución deste problema, xa que a educación e o benestar dos nenos e nenas bergondeses require un esforzo compartido entre o fogar e a escola.

Ademais destes temas, tratáronse outros puntos como as programacións dos centros educativos, o mantemento dos espazos, a limpeza nos centros, os servizos de conciliación e as actividades do AMPA, así como os días non lectivos para este curso.

Desde o Concello de Bergondo seguirase traballando para mellorar as condicións educativas en colaboración coa comunidade e as administracións competentes, sempre co obxectivo de garantir a mellor contorna educativa para todos os nenos e nenas do municipio.