Hoxe déronse cita no Conservatorio de Ribeira a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla e a profesora de Frauta do Conservatorio, Sabela Galbán para presentar a segunda edición do seminario “Frautisimamente”.
O seminario constará de tres encontros nos meses de outubro, xaneiro e maio; o primeiro se celebrará esta fin de semana o venres, sábado e domingo: “orixinalmente ía a ser dous días, pero foi tal a demanda da matrícula que xa no primeiro día quedaron sete en lista de espera co cal ampliouse un día máis estes encontros que van a ser impartidos polo célebre
André Cebrián que é o frautista da Scottish Chamber Orchestra”, informou a concelleira.
Pola outra banda Sabela comentou que: “xa é un orgullo que se imparta o segundo seminario e que se vaia consolidando, o ano pasado tivemos tres marabillosos frautistas que nos visitaron e este ano considerei oportuno que fose só un para que puidese facer o seguimento durante os tres trimestres do alumnado, neste caso André é un frautista de renome que está levando a súa frauta polo mundo” e engadiu “que é un frautista de Santiago que volve a casa para contar as súas experiencias a nivel musical e persoal ao alumnado matriculado”.
Ao final dos seminarios se fará unha audición aberta ao público.
Biografía de André Cebrián
André Cebrián é Frauta Solista da Scottish Chamber Orchestra. Tralas súas primeiras experiencias en xoves orquestras como a OJSG, a JONDE, a Britten-Pears ou a Gustav Mahler Jugendorchester, en seguida iniciou a súa carreira profesional en orquestras como as Sinfónica de Galicia, Tenerife e Asturias, a Filharmonía de Galicia, a Orquesta de Cadaqués, a Orquesta de la Comunidad Valenciana, a Orchestra Mozart, a Nacional do Porto ou a Staatskapelle Dresden. É convidado regularmente como solista de frauta en orquestras como a BBC Scottish Symphony, Philharmonia Zürich, Royal Scottish National Orchestra, Spira Mirabilis, Sinfónica de Castilla y León, Filarmónica de Gran Canaria, Sinfónica de Barcelona (OBC), Gran Teatro del Liceu, Malaysian Philharmonic ou a Orchestra Leonore.
André non é só un experimentado músico de orquestra, senón tamén un apaixonado da música de cámara. Cada tempada realiza numerosos concertos en festivais por toda Europa, na súa maioría co Azahar Ensemble, o Natalia Ensemble ou con algún dos seus proxectos a dúo coa arpista Bleuenn Le Friec, o guitarrista Pedro Mateo González ou a pianista Irene Alfageme. No 2019 funda o seu propio festival de cámara, o Festival de Música de Cámara Anguiano (La Rioja).
Como solista actúa periodicamente xunto a orquestras como a Sinfónica de Galicia, Real Filharmonía de Galicia, Sinfónica de Castilla y León, Orquesta de la Comunidad de Madrid, Dresden Staatskapelle, Scottish Chamber, Georgian Sinfonietta ou a Filharmonia Zabrzańska, e con directores como Jean-Christophe Spinosi, Maxim Emelyanychev, Zsolt Nagy, Alejandro Posada, Vladimir Jurowski, Miguel Ángel Gómez-Martínez, Joana Carneiro, Guillermo García- Calvo, Paul Meyer, Andrew Manze, Joseph Swensen ou Peter Whelan.
Comparte a súa paixón pola música nos numerosos cursos que realiza por todo o mundo así como coas xoves orquestras ás que acude cada tempada (JONDE, Andalucía, Catalunya, Euskadi, Valencia, Escocia, México…). Entre 2013 e 2020 foi profesor de frauta e música de cámara no Conservatorio Superior de Música de Aragón e actualmente exerce na Academia de Estudios Orquestales da Fundación Baremboim-Said e do Royal Conservatoire of Scotland.
André é tamén un recoñecido arranxista. Os seus arranxos son interpretados regularmente en todo o mundo por orquestras como a Royal Danish National, Belgrade Philharmonic, Hannover Opera, EUYO, Sinfónica de Heredia, Gauteng Philharmonic… Alén diso, recibiu encargos da Opéra de la Monnaie, Flemish Opera, Scottish Chamber, Lois Jeans ou a Casa Real do Reino Unido.
Natural de Santiago de Compostela, comeza os seus estudos musicais na súa cidade natal da man de José Antonio Rey, Luis Soto e Laurent Blaiteau, continuándoos máis tarde en París, Salamanca, Madrid, Detmold e Ginebra con profesores como Pablo Sagredo, János Bálint ou Jacques Zoon.