As intervencións localízanse actualmente á altura do Formigueiro.
O alumnado traballador e o persoal docente da especialidade de traballos de carpintería e moble do Obradoiro de emprego A Laracha VIII continúan desenvolvendo a formación práctica e teórica previstas neste programa dual organizado polo Concello coa colaboración da Xunta de Galicia.
Desde hai varias xornadas están a executar as obras programadas no paseo fluvial do río Anllóns, fase práctica do proceso formativo na que aplican a aprendizaxe adquirida previamente tanto nas aulas durante as clases teóricas como no taller.
Os traballos que se están acometer céntrase na limpeza, reparación e, nos casos nos que é necesario, a substitución das táboas danadas ao longo de todo o percorrido da pasarela de madeira de máis de dous quilómetros e medio entre Gabenlle e O Formigueiro. Precisamente ese último lugar é o punto actual de intervención, a onde acudiron o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, para reunirse co persoal do obradoiro de emprego e interesarse polo desenvolvemento das actuacións.
Outros proxectos encomendados a esta especialidade traballos de carpintería e moble son o peche perimetral do Castro de Montes Claros e a creación de novo mobiliario para o espazo de lecer xunto ao campo de fútbol de Vista Alegre.
O Obradoiro de Emprego A Laracha VIII conta cun total de vinte alumnos traballadores, dez en cada unha das dúas especialidades. A outra é a de operacións básicas de revestimentos lixeiros e técnicos, centrada na rehabilitación dos centros socioculturais de Cumiáns, en Montemaior, e o de Erboedo.
O alumnado traballador do Obradoiro de Emprego A Laracha VIII está a ter a oportunidade de aprender un oficio tanto a nivel teórico como práctico por un período de doce meses, tempo no que perciben unha remuneración económica ao estar vinculados ao Concello cun contrato de formación. Ao remate do obradoiro, en caso de completar a aprendizaxe con éxito, obterán o certificado de profesionalidade que acreditará a súa cualificación e competencia para exercer a profesión, mellorando por tanto a súa empregabilidade e facilitando a posterior inserción no mercado laboral.
Á fronte do programa está o equipo directivo, formativo e administrativo composto por cinco persoas: directora, mestre de ensino básico, auxiliar administrativo e mestre de cada unha das dúas especialidades.