Thursday 21 de November de 2024

As plantas de temporada retiradas dos xardíns municipais serán repartidas entre a cidadanía este xoves no mercado


• As cabazas volven ás zonas verdes para celebrar o Samaín e implicar á infancia no coidado dos espazos públicos

• O domingo pecharemos as Xornadas Micolóxicas cunha exposición e un showcooking-degustación de petiscos elaborados con cogomelos

Un ano máis, nos xardíns de Carballo chegou o momento de cambiar a planta de temporada, unha acción que se realiza dúas veces ao ano e que implica a substitución das flores que se plantaron na primavera por outras que sexan quen de resistir as condicións meteorolóxicas do outono e o inverno.

Aínda que a maioría das plantas xa están en mal estado, algunhas son máis resistentes e aínda están en boas condicións. Por iso, en vez de envialas para compostaxe, por terceiro ano consecutivo poñerémolas a disposición da veciñanza para que teñan unha nova vida nos fogares carballeses.

O reparto realizarase este xoves 24 de outubro, a partir das 11.00 horas e ata fin de existencias, no posto que teremos instalado no mercado municipal.

Cabazas e cogomelos
Unha parte do espazo que deixan libre as plantas retiradas será ocupado con cabazas, porque volve a campaña Presume de xardíns para implicar aos nenos e ás nenas no coidado dos espazos públicos. A semana pasada empezamos a ver decoradas con cabazas varias zonas verdes, pero este ano volveremos a habilitar distintos puntos nos que a rapazada poderá colocar as súas cabazas. Ide preparándoas, porque ao longo desta semana atoparedes os indicadores na rúa Campo da Feira, o Parque do Chorís, a Praza da Cruz Vermella (substitúe o Parque do Anllóns por mor das obras), a rúa Eduardo Pondal, o exterior do CEIP Nétoma-Razo e a praza de Sofán.

Para a fin de semana temos preparada, ademais, unha gran despedida das XV Xornadas Micolóxicas, que volvemos a organizar conxuntamente coa Asociación Cultural Lumieira. O sábado haberá unha saída ao monte (as prazas están completas) e o domingo teremos no mercado municipal a xa tradicional exposición de cogomelos, co experto Pablo Cuadrado para ofrecernos todo tipo de explicacións, e este ano, por primeira vez, un showcooking-degustación de petiscos elaborados con eles polo cociñeiro Chisco Ramos. Achégate a partir das 11.00 horas!