Friday 22 de November de 2024

O Centro de Información de Parques e Xardíns ofrece aos colexios de primaria un programa de actividades ambientais para este curso


O concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez, deu conta do programa completo en rolda de prensa acompañado por Irene López, encargada do Centro de Información dos Parques e Xardíns. O tamén concelleiro de Obras aproveitou a comparecencia para anunciar a contratación da redacción do proxecto para a mellora do sistema de saneamento da contorna da avenida de Lugo-As Fontiñas.

O CIPX (Centro de Información dos Parques e Xardíns) do Parque de Belvís vén desenvolvendo dende o 2008 unha serie de campañas para a posta en valor do patrimonio natural da cidade. Trátase do programa de sensibilización impulsado polo Concello de Santiago a través do seu Servizo de Parques e Xardíns “dende o que estamos implicados na sensibilización ambiental, conservación e mellora dos espazos verdes e o seu arboredo, o que para nós dicimos que é unha Compostela mellor, unha Compostela boa de vivir”, salientou o concelleiro.

Nesta ocasión, a oferta consiste nun programa de actividades medioambientais para este curso escolar dirixido ao alumnado de primaria de Santiago de Compostela. O profesorado dos centros educativos poderá elixir entre tres actividades diferentes, coas que poder achegarse ao CIPX a traballar coa clase en diferentes aspectos relativos á sensibilización ambiental do alumnado. “Eu case me atrevería a dicir que as crianzas de hoxe en día están máis concienciadas que moitas persoas adultas pero tamén estou seguro de que cunha boa acción de sensibilización dende a etapa escolar chegaremos a toda a poboación, porque as crianzas non son só os adultos do futuro, senón que tamén forman parte da transformación desta Compostela mellor para vivir”, engadiu.

Ademais destas actividades programadas, o concelleiro avanzou que se está a traballar noutras pensadas para as persoas adultas relacionadas coa micoloxía. Ademais, deu conta dunha actividade de plantación de carballos, esta tarde na contarna de Belvís, na que participará alumnado de Erasmus.

Actividades

Da semente ao bosque

Nesta actividade o alumnado poderá ver como dunhas sementes sae un ecosistema tan importante como os bosques, o hábitat de multitude de seres vivos. Para iso, propagaranse as sementes con axuda de bombas de arxila, que se crearán para despois poder lanzar onde sexa máis acaído repoboar. Tamén se transplantarán árbores, aprendendo os segredos para facer medrar plantas nun testo, que os rapaces e rapazas poderán levar e coidar na casa. E farán unha pequena plantación de especies autóctonas para ampliar o número de árbores presentes en Santiago de Compostela.

A contorna do teu colexio

Itinerarios guiados por zonas de interese ambiental presentes nos arredores dos diferentes centros educativos. Acompañados polo persoal do CIPX, os alumnos e alumnas poderán facer visitas guiadas aos parques máis destacados da cidade, así como roteiros forestais e fluviais da contorna.

As aves de Compostela

“Compartimos o espazo da nosa cidade con unha gran multitude de especies de aves, polo que entre todos tentaremos atopar algunha delas, coñecendo algúns trucos para a súa identificación”, indicou Irene López. “Para axudalas e protexelas, elaboraremos comedeiros para poder ter as aves ben mantidas durante todo o ano, así como caixas-niño para o seu refuxio, facilitando que as aves críen ao diminuír a depredación nos seus niños”.

Os centros educativos contarán con máis información sobre este programa de actividades, así como os medios necesarios para realizar a inscrición. As actividades realizaranse ata a finalización deste curso, en xuño de 2025.

Proxecto para a mellora do saneamento na contorna da avenida de Lugo-As Fontiñas

O concelleiro aproveitou a rolda para informar de que o goberno sacou a contratación a redacción do proxecto construtivo para a mellora do sistema de saneamento da contorna da Avenida de Lugo-As Fontiñas, unha zona que se ve afectada cando se produce unha forte acumulación de chuvias, por un valor con IVE de 17.903,72 euros e un prazo de execución 5 meses a partir da adxudicación.

Os traballos a desenvolver incluirán todo o necesario para a redacción do proxecto construtivo: traballos topográficos, localización de servizos afectados, cálculos hidráulicos, cálculos de estruturas, coordinación con organismos afectados, etc. “O obxectivo deste contrato é redactar o proxecto construtivo da solución escollida para afrontar os graves problemas de capacidade que presenta a rede actual de saneamento, tanto pluviais como fecais”, indicou.

Deste xeito, deseñarase unha prolongación do colector central da avenida de de Lugo de PVC DN 630 ata avenida de Quiroga Palacios, onde entroncaría co colector existente de DN 800 que transportaría as augas ata a contorna da rúa Batalla de Clavijo, onde se executaría unha perforación horizontal dirixida (PHD) cun colector DN 600 para cruzar a avda. de Lugo cara o colector interceptor que entronca no tanque de tormentas de Sar. “É dicir, prolongaríase a rede na avenida de Lugo e daríaselle máis capacidade”.

Xesús Domínguez tamén lembrou que fixeron labores preventivas con Viaqua e que dende o 30 de setembro se realizan traballos de limpeza nocturnos para mellorar a rede de saneamento en preto de 20 puntos no Ensanche, Cidade Histórica e os túneles das Cancelas e Romero Donallo.

“Prezero, como sabedes, tamén segue a actuar tanto na recollida de árbores como na prevención na masa arbórea”, engadiu o edil que indicou que ata o luns pasado o número de árbores retiradas por mor dos danos ocasionados polo temporal Kirk foi de 160.