O Concello de Ribeira informou de que está realizando labores de reforzo da pintura viaria nos pasos de peóns co obxectivo de mellorar a visibilidade e garantir a seguridade da cidadanía. Esta medida forma parte do plan de mantemento e mellora das infraestruturas urbanas, enfocado en previr accidentes e asegurar unha mobilidade máis fluída e segura nas rúas da cidade.
O proxecto contempla a renovación da pintura nas zonas de maior tránsito peonil, así como en áreas próximas a centros educativos. Este esforzo responde á necesidade de manter en óptimas condicións os sinais horizontais, esenciais para a seguridade viaria, especialmente en épocas de choiva e baixa visibilidade.
O concelleiro de Obras, Xabier Vidal, manifestou que “comezaremos como prioridade cos pasos de peóns e despois procederase cas liñas de sinalización da propia estrada, unha vez rematado o traballo no centro seguirase polas parroquias para garantir a seguridade vial” sinalou porque “a seguridade da veciñanza é unha prioridade”.
O Concello de Ribeira agradece a comprensión dos cidadáns ante posibles molestias temporais durante a execución das obras, e solicita a súa colaboración respectando as sinalizacións.