O xurado do certame organizado pola Fundación Juana de Vega, ASVINOR e AGAEXAR visitou onte o municipio para facer a avaliación de campo da candidatura
O consistorio aspira a revalidar as súas tres Flores de Honra ou, quizais, chegar ás catro
O certame Vilas en Flor é unha iniciativa da Fundación Juana de Vega, en colaboración con outras entidades, que recoñece o esforzo dos concellos por promover a sostenibilidade e a integración nas tramas urbanas diso que se deu en chamar “infraestruturas verdes” ou, o que é o mesmo, os xardíns, parques, paseos, bosques públicos, etc., que contribúen á calidade de vida á vez que son elementos de resistencia e resiliencia fronte ao cambio climático. San Sadurniño, por ser un municipio rural, ten de todo iso e, ademais, cóidao. De feito, Vilas en Flor leva tres anos consecutivos outorgándonos tres Flores de Honra -o máximo son cinco- pola cantidade e calidade de espazos verdes dispoñibles e polas iniciativas ambientais e divulgativas que se están levando a cabo. O xurado experto da fundación que promove o certame en Galicia percorreu onte de novo distintos puntos do municipio para facer a súa avaliación de cara á edición deste 2024.
A Fundación Juana de Vega é a responsable en Galicia do proxecto internacional Vilas en Flor, en colaboración coas asociacións ASVINOR e AGAEXAR. Hai varias semanas o Concello remitiulles un completo documento que repasa todas as actuacións e o patrimonio verde dos que dispón o municipio, na liña de favorecer a integración da natureza nos espazos públicos, nomeadamente nos da zona máis urbana… aínda que aquí “verde” haxa por todas as partes.
O certame valora que os municipios definan políticas específicas neste sentido e que estas se poñan en práctica, algo que en San Sadurniño xa leva anos facéndose, tal e como se reflicte no completo dossier da candidatura deste ano. Un documento que se axusta aos aspectos valorables polo xurado: patrimonio vexetal e paisaxístico, medio ambiente e sostenibilidade e uso social e sinerxias coa actividade turística.
A proposta presentada polo Concello para avalar a candidatura ás Flores de Honra -o galardón do certame- recolle unha trintena de referencias, entre as que destacan políticas e recursos xa coñecidos -o arboreto, a horta de conservación, a área de autocaravanas, o paseo fluvial, os programas formativos, a pertenza ao xeoparque, o proxecto A Fusquenlla, etc.- aos que recentemente se lle engadiron novos argumentos, como o programa de educación ambiental Terra de Vida, a integración de San Sadurniño na Rede de Municipios pola Agroecoloxía ou incluso a recente obtención da Bandeira Verde de Galicia, como recoñecemento de moitas das accións coas que tamén se aliña Vilas en Flor.
No dossier da candidatura sinálase que ao longo deste 2024, entre mantementos do que xa hai e novas actuacións materiais e de dinamización, o Concello investirá preto de 52.000 euros, cifrando a ratio de investimentos en cerca dos 19€ por habitante.
Alén destes apartados, a valoración da candidatura tamén implica unha visita de campo por parte do xurado, que onte mesmo estivo no noso concello para facer un pequeno percorrido polos lugares máis representativos dese San Sadurniño que mantén desde 2021 un total de tres Flores de Honra e que este ano aspira a conseguir a cuarta.
E é que, tal e como comenta o titular de Desenvolvemento local, Manolo Varela, participar en Vilas en Flor implica cada ano “un maior interese en superarnos facendo as cousas o mellor que podemos. Ter tres Flores de Honra dun máximo de cinco, que ninguén conseguiu reunir aínda en Galicia, métenos a presión de conservalas e empúxanos a esforzarnos cada ano un pouco máis para tentar entrar no exclusivo club das catro flores”.
Os membros do xurado experto, representantes da Fundación Juana de Vega e das súas entidades colaboradoras en Vilas en Flor, visitaron a Casa do Concello, os xardíns municipais, o paseo fluvial, a zona da Cortiña, a nova praza Ramón Díaz Raña, o adro do Rosario e a zona deportiva de Currás, facendo unha pequena parada no parque Antonio Freijomil.
A súa decisión coñecerase á volta dunhas semanas, probablemente a finais de novembro ou principios de decembro, no acto de entrega dos galardóns do certame ambiental.