Monday 25 de November de 2024

O Concello celebra o Día das Bibliotecas cun feixe de actividades para todos os públicos


O Concello de Oleiros celebrará o Día das Bibliotecas, 24 de outubro, cunha ampla programación para todos os públicos en todas as bibliotecas públicas municipais: contacontos, mostras bibliográficas, actividades para crianzas, obradoiros de divulgación científica, manualidades conmemorativas sobre o Día das Bibliotecas…

“Por un futuro sustentable” é o lema seleccionado polo Ministerio de Cultura para conmemorar o Día das Bibliotecas 2024. Preténdese destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030: “A través das súas coleccións, servizos e actividades con usuarios, as bibliotecas contribúen a construír unha sociedade cada vez mellor informada, máis igualitaria, solidaria e xusta, plenamente consciente da necesidade de levar un modo de vida sostible como compromiso coas xeracións futuras”.

As bibliotecas públicas municipais celebrarán este día con lecturas sorpresa, contacontos, fábulas, obradoiros de divulgación científica, clubs de lectura para mozos/as e adultos/as, exposicións e mostras bibliográficas e outras actividades (encrucillados, realización de marcapáxinas, debuxos para colorear…).

As actividades sinaladas desenvolveranse desde o 21 ata o 31 de outubro.

Todas as actividades pretenden conseguir os obxectivos de fomentar a lectura, difundir a existencia dun servizo público de proximidade á cidadanía que contribúe de xeito eficaz a promover a lectura e a facilitar o acceso á cultura, á información e ao coñecemento a todas as persoas e en condición de igualdade.

Poderán consultalas na páxina web do Concello de Oleiros (na sección de bibliotecas) e tamén no blog das Bibliotecas Municipais de Oleiros Bibloleiros (bibliotecasoleiros.blogspot.com)