Wednesday 23 de October de 2024

A Xunta inxectará máis de 16M€ ás tres universidades públicas galegas para a contratación de 166 profesores axudantes doutores


— O Goberno galego ten que asumir o 40% das prazas dun convenio imposto polo Ministerio de Ciencia sen negociación coas comunidades autónomas

— Este acordo consolidará, ademais, un gasto adicional de 7M€ ao ano a partir de 2031 que terán que asumir as administracións autonómicas sen apoio do Ministerio

s conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, reuníronse esta mañá cos reitores das universidades de Santiago de Compostela, Antonio López; Vigo, Manuel Reigosa, e A Coruña, Ricardo Cao, para informalos dos detalles do acordo para a contratación de profesores axudantes doutores. No encontro participou tamén o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.
Tal e como explicaron os representantes da Xunta, o Goberno galego vai inxectar ás tres universidades públicas galegas máis de 16M€ para poder facer fronte á contratación de 166 profesores axudantes doutores que lles impón o Ministerio de Ciencia. Isto malia que as universidades galegas teñen uns dos cadros de persoal máis estabilizados do Estado e que se vén menos beneficiadas por este acordo ca outras que non foron quen de manter unha boa política laboral interna.
O acordo, que se materializará na sinatura dun convenio entre Xunta, cada unha das universidades e o Ministerio, suporá a seguinte distribución de prazas e achega para cada universidade por parte do Goberno galego:
Universidade Prazas Orzamento total Xunta
USC 53 5.284.062€
UVigo 64 6.290.550€
UDC 49 4.780.818€
166 16.355.430€
As universidades poderán crear as prazas ata o fin do curso 2027-2028, dado que precisan tempo para publicar as correspondentes convocatorias.
Gasto consolidable de 7M€ ao ano
Os conselleiros lamentaron que finalmente as comunidades autónomas teñan que facer cargo do 40% do importe destas prazas no período 2025-2030, máis tendo en conta que o Ministerio de Ciencia non negociou en ningún momento este programa de contratación de profesorado cos gobernos autonómicos, senón que lles impuxo a porcentaxe que teñen que pagar, que ademais se foi incrementando nos últimos meses, desde o 33% inicial ao actual 40%.

Destacaron, ademais, que este acordo consolida un gasto adicional de 7M€ ao ano a partir de 2031 para as universidades públicas e, polo tanto, para as administracións autonómicas. O Goberno central non ten ningunha proposta de transferencia de fondos adicionais para facer fronte a este sobrecusto que xeran de xeito unilateral.
De feito, o Ministerio só foi quen de asegurar fondos para a pequena partida que lle corresponde pagar neste ano 2024, deixando o orzamento dos anos restantes, máis de 4,2M€ ao ano ata 2030, sen concretar e á espera da dispoñibilidade orzamentaria do Goberno central.
Cambio das regras do xogo
No mes de abril impúxose ás comunidades autónomas un acordo no que o Ministerio financiaba o 66% das prazas durante seis anos e as administracións autonómicas o restante 33%. Porén, finalmente o Ministerio comprométese só á financiación do 60% das prazas que haberá que convocar e só durante catro meses, deixando no aire como se vai proceder ao pagamento desa porcentaxe no período 2025- 2030. Porén, a través do convenio que se vai asinar, obriga á Xunta a comprometerse a asumir o custo do 40% das prazas ata 2030.

Deja un comentario