Thursday 24 de October de 2024

A mirada estará posta no ceo nocturno da Pobra co espectáculo combinado de drons e fogos de artificio do 25 de outubro


As fortes rachas de vento do luns do Nazareno, no 16 de setembro, obrigaran a adia-lo espectáculo combinado de drons e fogos de artificio como colofón dos festexos. Agora, aproveitando a previsión meteorolóxica para esta fin de semana, a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal e a comisión de festas do Nazareno xa teñen fixada a data na cal se iluminará o ceo nocturno da localidade: venres, 25 de outubro, ás 23.00 horas.

“Despedimos xa a vertente lúdica da programación do Nazareno. Tivemos varias reunións para analizar datas e volver activar todo o dispositivo para que todo saia o mellor posible e garantindo a seguridade. Escollémo-la noite do venres porque é a que presenta mellores condicións meteorolóxicas de toda a fin de semana. Somos conscientes da expectación que espertou este espectáculo e non é para menos: é o primeiro destas características en toda Galicia. Aquí conxugaranse os drons, de Flock Drone Art, e os fogos de artificio e acuáticos ao compás da música”, declara a concelleira da Cultura, Patricia Lojo.

Para non perder ningún detalle, recoméndase situarse no propio paseo dos Areos, a partir da rampla, mirando cara ao mar.

“Será un día moi completo.” Así o cualifica o presidente da comisión de festas do Nazareno, José García, quen remarca a envergadura desta cita. E, para tal evento, non faltará tampouco a música. Haberá verbena coa orquestra Gran Parada, a partir das 21.30 horas, que continuará coa segunda sesión logo do espectáculo. A maiores, actuará unha Disco Móbil. Como xa é habitual, o epicentro será a praza do Alcalde Segundo Durán.

Deja un comentario