Friday 22 de November de 2024

O BNG de Oleiros preguntará no vindeiro pleno ao Concello sobre intervencións concretas nos Pontos Lila


Os “Pontos Lilas” son espazos nos que se sensibiliza á cidadanía, e se atende, informa e axuda ás vítimas de calquera tipo de agresión machista. A súa finalidade, polo tanto, é concienciar, previr e gozar da festa con respecto á muller, libre de acoso e humillación machista. O Concello informa de 1211 actuacións nestes pontos. Preguntaremos ao Concello cantas destas intervencións foron para atender e axudar a presumíbeis vítimas de agresións machistas e se houbo algunha derivación policial ou apertura de dilixencias xudiciais.
Ademais, o noso portavoz municipal fará varias preguntas sobre temas que afectan á cidadanía, entre elas:
Controis de accesos en urbanizacións?
En plena voráxine inmobiliaria de Oleiros, con construción residencial por todas as parroquias, unha promotora recupera o proxecto das obras de urbanización de 40 chalés en Nós para finalizalo, cunha nova denominación: Xardín de Vega.
Será unha urbanización con sistema de seguridade de accesos e espazos comúns, con cámaras de vixilancia, e 1.500 metros de zonas privadas comunitarias.
Preguntaremos en que vai consistir ese sistema de seguridade de accesos a espazos comúns.
Cosntrución ilegal no Carballo
Informa a prensa que na zona do Carballo existe unha construción ilegal nunha leira rústica (choupano, mallazo, postes de formigón, depósito de materiais, portalóns..). O Concello demandou do presunto infractor a reposición da legalidade e impuxo unha sanción a través do procedemento acaído. O xulgado denegou as solicitudes do presunto infractor e ratificou as decisións municipais, mais lonxe de recuar instalou aínda máis ilegalidades, entre elas CCTV e unha campá que non deixa de molestar á veciñanza en todo intre. A veciñanza desesperada mesmo apañou sinaturas para presentar no Concello. A nível popular resulta difícil entender por que todo segue igual.
Pedireamos ao Concello que explique por que se mantén esta situación e cando vai cesar.
Beirarrúas deterioradas un ano despois
En outubro do 2023 trouxemos a pleno que a veciñanza nos alertara sobre o estado dalgunhas beirarrúas; concretamente na rúa Dolores Ibarruri, na praza que está cruzando coa rúa Garrucha, xunto á zona de carga e descarga. Esta situación xa ten provocado tropezóns e pequenos incidentes que, por agora, non tiveron maiores consecuencias, pero que poderían telas.
Demandáramos o seu arranxo urxente alén dunha unha revisión xeral do estado das beirarrúas. Un ano máis tarde segue igual, achamos que sería importante un sistema que permitira seguir as queixas da cidadanía, nomeadamente no vencellado co mal estado do mobiliario e urbanización públicas.