Inés Rey: “Gómez Hervada evocábanos que sempre é posible o diálogo e a amabilidade”
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta tarde o acto de descubrimento da rúa de Ángel Gómez Hervada, no barrio de Xuxán. A vía réndelle desde hoxe homenaxe ao exdirector de Radio Coruña, que faleceu no ano 2017. No acto estiveron presentes compañeiros e compañeiras da emisora, familiares e membros da corporación municipal.
“O seu talento á hora de defender a cidade e de mollarse por ela con moita tenacidade pero sen perder o sorriso non só supón unha lembranza, senón tamén unha guía”, sinalou Inés Rey durante o acto, no que tamén interveu o seu fillo Borja Gómez Tejera. A alcaldesa sinalou que Gómez Hervada “evocábanos que sempre é posible o diálogo e a amabilidade” á hora de tratar a actualidade da cidade.
“Durante máis de tres décadas a súa achega á sociedade coruñesa foi descoñecida para o gran público, pero tremendamente influente na cidade, cuxo crecemento e valor debe moito ao seu carácter afable pero firme á hora de apostar por obxectivos comúns que beneficiasen á Coruña”, apuntou Inés Rey. Tras o descubrimento da placa que sinaliza a nova rúa de Ángel Gómez Hervada, a alcaldesa e a familia do homenaxeado colocaron un centro de flores xunto ao sinal.