A Xunta de Galicia concedeu o Premio á innovación bibliotecaria de Galicia 2024, na categoría de concellos de máis de 10.000 habitantes, ao Concello de Oleiros polo proxecto “Ler para saber: a ciencia”. Este é un proxecto organizado polo Concello xunto co CEIP Valle Inclán, que coordina todas as actividades a través da profesora Fina Mosquera.
O programa premiado está formado por charlas e obradoiros de divulgación científica que se desenvolven na Biblioteca Rialeda. Está dirixido a nenas e nenos maiores de 10 anos, adolescentes, mocidade e público en xeral.
Para poder levalo a cabo é imprescindible a colaboración do profesorado, alumnado e pais e nais de alumnos do CEIP Valle Inclán, así como profesorado da Universidade da Coruña e de educación secundaria de diversos institutos, diversos profesionais e expertos/as como enxeñeiros, científicos de misións planetarias, médicos, arquitectos, nutricionistas, veterinarios, informáticos, biólogos, membros de diversas asociacións como Greenpeace, Asociación Micolóxica Coruñesa, técnicos dos Museos Científicos Coruñeses, etc. Todos os ponentes que imparten estas conferencias e obradoiros fano de forma altruísta e gratuíta.
As charlas consisten na presentación e explicación dun tema científico, dunha forma sinxela e comprensible para todo tipo de públicos, de maneira que os asistentes poidan asimilar os conceptos e ideas básicas sobre a temática tratada, aprendendo uns coñecementos e conceptos sobre o mundo da ciencia importantes para desenvolverse na sociedade actual. Algúns dos temas tratados ou que se van tratar son: programación informática e usos de novas tecnoloxías, a xenética, a bioloxía, novos experimentos científicos, o corpo humano, a alimentación, o cambio climático, a botánica, a conservación dos océanos, astronomía, aeronáutica e misións espaciais, a arquitectura, os fungos, o medio ambiente, a Expedición Balmis, os antibióticos, etc.
Os obxectivos que se pretenden conseguir son: achegar a ciencia a todas as persoas (pero principalmente a nenos e adolescentes), ampliar os coñecementos sobre temas científicos de importancia na vida diaria, fomentar o coñecemento específico dunha materia determinada, dinamizar os fondos bibliográficos sobre estes temas, atraer á biblioteca a un público interesado pola ciencia e, en definitiva, fomentar a lectura e a consulta de libros que traten estas materias.