O Goberno de Inés Rey apoia esta iniciativa organizada polas empresas Galicia de Moda e Diesemm, que desenvolverán xornadas de exposición e conferencias sobre o sector na Fundación Luís Seoane e o centro empresarial do Papagaio
A Coruña acollerá os días 7 e 8 de novembro a segunda edición do Modiña Summit, un congreso impulsado polas empresas Galicia de Moda e Diesemm, co apoio do Concello, e que se convertirá, un ano máis, no punto de encontro de deseñadores, estilistas, influencers, provedores, creadores e empresarios do sector téxtil.
“A nosa cidade conta cunha industria téxtil moi potente e recibe cada vez máis visitantes atraídos por isto. Iniciativas como o Modiña Summit son unha oportunidade idónea para que as e os profesionais do sector expoñan as súas ideas, tamén para apostar pola moda con cáracter local e visión internacional”. Así o explicou esta mañá Ignacio Martínez Dopico, director da área de Turismo no Concello da Coruña, no acto de presentación do congreso, que tivo lugar nas instalacións da Real Academia Galega de Belas Artes.
Neste sentido, o certame deste ano renderalle homenaxe á figura do deseñador galego José Castro (A Cañiza, 1971-2023), modista de renome, que vestiu a celebridades e levou a moda galega ás pasarelas máis importantes do mundo. Castro foi un dos tres únicos españois, xunto con Balenciaga e Paco Rabanne, que conseguiu entrar na Federación Francesa da Costura.
A programación de actividades, na Luís Seoane e o Papagaio
Este segundo congreso do Modiña Summit contará coa asistencia de mais de 20 conferenciantes, 30 representantes das principais empresas de moda galegas, provedores e prensa especializada. A proposta tamén ten como obxectivo impulsar a promoción turística da Coruña, co foco posto no denominado ‘turismo da moda’.
A programación do congreso será de dúas xornadas, con actividades na Fundación Luís Seoane e o centro de empresas ACCEDE Papagaio. Haberá espazos de exposición para o talento téxtil galego e tamén conferencias e coloquios sobre o impacto do márketing no retail, así como sobre o futuro da industria.