▪ O goberno local inviste máis de 36.000 euros na reparación da deteriorada construción situada na parroquia de Velouzás
▪ A intervención asegurará a súa estabilidade estrutural e seguridade, á vez que incidirá na conservación de todos os seus elementos
O Concello de Paderne vén de poñer en marcha hai uns días o proxecto de mellora e acondicionamento do lavadoiro de Sas, situado na parroquia de Velouzás. O goberno local apostou por investir 36.300 euros na actuación como xeito de protexer un dos elementos que conforman o seu patrimonio municipal.
Do orzamento total, que inclúe IVA, 30.000 euros foron subvencionados a través da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo en dúas anualidades. O resto será aportado polas arcas municipais.
O obxectivo desta intervención é garantir a estabilidade estrutural da construción, as súas condicións de seguridade e conservar todos os elementos como a fonte e a súa contorna.
Deste xeito, os traballos inclúen a roza do entorno do lavadoiro, o levantado do chan exterior e a demolición da estrutura de pilar de formigón armado. Posteriormente, colocarase unha columna de granito silvestre de 2,30 metros, cubriranse as vigas con madeirada laminada encolada e instalarase na cuberta un entaboado con madeira de piñeiro, placa de fibrocemento e tella.
Ademais, instalarase un canlón con baixante de sección circular. Por último, a construción será pintada con material transpirable e hidrofugante a base de resinas acrílicas e daráselle un chapado e soldado de granito gris.
“O patrimonio dun pobo é parte da súa identidade. Tan só por ese argumento debemos ter en consideración os nosos elementos e velar polo seu mantemento. Pero é que, ademais, no caso deste lavadoiro de Sas, a intervención era necesaria por cuestións de seguridade. Unha vez se rematen as actuacións, o lavadoiro non só lucirá dun xeito que permitirá volver a poñela en valor, senón que poderá seguir sendo empregada nos seus usos máis tradicionais”, apunta o alcalde, Sergio Platas.