• A adquisición está cofinanciada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que sufraga o 80% do proxecto
O Concello de Laxe, a través do departamento de Cultura e Turismo, vén de executar a adquisición de novos equipamentos para o Museo do Mar de Laxe, valorados en 12.500 euros.
O proxecto inclúe a compra dunha cámara escáner de sobremesa para dixitalizar libros e documentos en papel; atrís, paneis e soportes para a exhibición de pezas, ademais de dúas vitrinas para o primeiro andar e catro “roll-up”, que estarán dedicados ao Arquivo Fotográfico Vidal, ao Arquivo Fotográfico de José Mª Vidal Eiroa, e ao médico indiano Ramón Juega.
Para este proxecto, o Concello contou co cofinanciamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ao abeiro da subvención que esta convoca anualmente dirixida aos museos que conforman a Rede Galega de Museos. Neste senso, a Xunta achegou o 80% do importe, 10.000 euros, mentres que o Concello de Laxe sufraga o 20% restante, 2.500 euros.
Deste xeito, o Concello reafirma a súa aposta polo Museo do Mar de Laxe, un dos referentes do patrimonio histórico – cultural municipal, e pola mellora das coleccións do museo.