Friday 22 de November de 2024

Turismo de Galicia reúne ao sector de axencias de viaxes para colaborar na trasposición da directiva de viaxes combinadas referente ás garantías



O obxectivo do encontro foi escoitar ao sector das axencias de viaxes para tratar de adoptar unha posición común de cara a unha futura reunión no Ministerio de Industria, Energía y Turismo para harmonizar solucións entre todas as CCAA

Turismo de Galicia mantivo hoxe unha reunión coas Asociacións de Axencias de Viaxes da Comunidade galega e o Clúster de Turismo de Galicia tras a declaración da Comisión Europea sobre a incorrecta trasposición por parte do Estado español do artigo 7 da Directiva 90/314/CEE de viaxes combinadas respecto da garantía, póliza ou seguro que cubra as insolvencias das axencias de viaxes para que a persoa usuaria turística poida continuar co seu viaxe ou poida ser repatriado.

O obxectivo do encontro, presidido polo director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luis Maestro, foi formular as diferentes solucións posibles e explicar as adoptadas por outros estados da Unión Europea ou outras CCAA e escoitar ao sector das axencias de viaxes para tratar de adoptar unha posición común de cara a unha futura reunión no Ministerio de Industria, Energía y Turismo onde se poda acordar unha regulación harmonizada de todas as CCAA que beneficiaria ao sector e aos consumidores.

Durante a reunión abordouse a posibilidade de adoptar un fondo de continxencia -voluntario e xestionado polas propias axencias de viaxes- ou unha garantía que cubra -en caso de quebra ou insolvencia- á persoa usuaria turística para que poida seguir coa súa viaxe ou, de ser o caso, para que sexa inmediatamente repatriado, sen ter que esperar a un laudo arbitral ou a unha sentenza xudicial firme para actuar sobre a garantía.

Finalmente se acordou a colaboración para a trasposición tanto da directiva no referente ás garantías –neste caso con carácter inmediato-, como a correspondente a toda a nova directiva de viaxes combinadas publicada no DOCE o pasado mes de decembro. A reunión constitúe unha mostra máis da firme aposta de Turismo de Galicia pola colaboración público-privada.