Un total de 16 mozas e mozos participarán no Obradoiro de Emprego de Fabricación e Montaxe de Instalacións de Tubaxe Industrial
O alumnado – traballador terá un contrato en formación cunha retribución equivalente ao salario mínimo interprofesional
O Concello de Fene acolleu esta mañá a recepción oficial do alumnado – traballador que formará parte do Obradoiro Inicia VIII. O acto, presidido polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, incluíu a sinatura dos contratos do programa, que se desenvolverá na modalidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial. Durante o próximo ano, até o 21 de outubro de 2025, as 16 participantes -14 homes e 2 mulleres- adquirirán formación e experiencia laboral nun sector de alta demanda na comarca. Deste alumnado, 10 proceden de Fene, 5 de Mugardos e 1 de Ares.
Juventino Trigo, alcalde de Fene, deu a benvida ás participantes, destacando a importancia deste tipo de iniciativas formativas. “Este obradoiro é unha gran oportunidade para a mocidade do noso concello e da comarca, non só pola adquisición dos coñecementos teóricos e prácticos, senón tamén porque as participantes recibirán un certificado de profesionalidade que abre as portas a novos empregos nun sector que está en pleno auxe”, sinalou.
Trigo tamén quixo poñer en valor o compromiso do goberno local coa formación e o emprego, subliñando a alta taxa de inserción laboral que ten este programa. “Varios dos alumnos e alumnas da pasada edición xa asinaron os seus primeiros contratos laborais grazas á formación recibida, o que reflicte o impacto positivo que iniciativas coma esta teñen na vida profesional da mocidade fenesa”, destacou o rexedor fenés.
Ademais do alumando, tamén se contratou ao persoal encargado da xestión e docencia do obradoiro, composto por unha directora, e tres docentes en diferentes modalidades: tubaxe industrial, formación básica e formación empresarial.
O Obradoiro Inicia VIII está organizado polo Concello de Fene, en colaboración cos concellos de Ares, Mugardos e Cabanas, e conta cunha subvención da Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración. Está dirixido a mozas e mozos menores de 30 anos empadroados nalgún dos catro concellos participantes.