Friday 22 de November de 2024

Inés Rey: “A política de proximidade padece de falta de financiamento, mentres os recursos están na política de distancia”


A alcaldesa abriu o almorzo-coloquio de Alberto Varela Paz, presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, en Nordés Club Empresarial

A alcaldesa abriu o almorzo-coloquio de Alberto Varela Paz, presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, en Nordés Club Empresarial sobre financiamento e administración local. Rey puxo sobre a mesa a falta de recursos económicos como problemática común a todos os concellos, con independencia do punto xeográfico ou formación política dos seus rexedores e rexedoras, respecto a outras administracións: “A política de proximidade padece de falta de financiamento, mentres os recursos están na política de distancia”.

Lembrou que o financiamento é un eixe prioritario para as Federacións de Municipios e Provincias, tanto a nivel estatal como galego, e puxo en valor o traballo das entidades a prol dos Concellos. Así mesmo, destacou o poder das cidades como exemplo de municipalismo: “Non é casualidade que as cidades que máis avanzan sexan as que poñen por diante a política local e de progreso. Poderíamos ir a máis cun financiamento acorde á nosa importancia, algo necesario porque está en xogo o progreso de Galicia” concluiu.