Friday 22 de November de 2024

O Concello habilitará a explanada lindeira ao edificio Aliko para o mercadillo dos Mallos durante as obras na contorna da Sardiñeira


A proposta de relocalización foi exposta este luns ás e aos representantes dos vendedores, que disporán da superficie próxima ao centro cívico, onde se prevé espazo para oitenta postos, aproximadamente

Ante o avance das obras de reurbanización da Sardiñeira e o próximo inicio dos traballos de construción da nova vía de conexión coa avenida de Arteixo a través da Agra dos Mallos, o Concello xa está a ultimar a relocalización dos postos do mercado da Sardiñeira, que terá lugar todos os sábados. Ata agora, eran dous sábados cada mes.

Neste sentido, a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, e a concelleira de Comercio, Emprego e Mercados, Diana Cabanas, informaron este luns ás e aos comerciantes de que o mercado terá lugar na explanada situada na parte traseira do edificio Aliko, onde se prevé que a superficie dispoñible facilite o desenvolvemento das vendas en algo máis de 80 postos. A proposta consensuose cos propios comerciantes, que preferían manter o mercadillo no mesmo lugar sen ter que se desprazar a outros espazos. O mercadillo, ademais, pasará a celebrarse todos os sábados en lugar de un sábado cada dous como acontecía ata o de agora. Mantense tamén a data dos martes como xa se viña facendo.

Dado que as obras de construción da nova conexión entre A Sardiñeira e a avenida de Arteixo tamén aparellarán a creación de beirarrúas e espazos de paso peonil, na reunión de onte tamén se lle notificou a todas e todos os vendedores a distribución aproximada dos postos, aproveitando os laterais do centro cívico dos Mallos. Ademais, no plan de relocalización tamén se atendeu ás solicitudes específicas dos comerciantes do mercado, separando máis os postos na zona traseira do edificio Aliko.
Segundo o exposto ante os representantes, cada posto contará cun espazo específico para a venda, de 5,50 metros de largo por 2,50 metros de ancho. Cada vendedor disporá, ademais, dun segundo espazo, cunhas dimensións idénticas ás do espazo de venda, para estacionar os seus vehículos de transporte de carga.

As melloras na Sardiñeira, en marcha

En paralelo ás obras na estación intermodal, o Concello está a executar a reurbanización da avenida da Sardiñeira, na que o Goberno de Inés Rey efectúa un investimento de 1,8 millóns de euros, que permitirá remodelar a avenida en materia de accesos á intermodal.
Ademais, crearase o primeiro treito de carril bici do barrio, cun percorrido entre o IES da Sardiñeira e o cruzamento coa rolda de Outeiro. Renovaranse as beirarrúas, máis amplas e con máis espazos para as persoas.

Por outra banda, tamén se destinan 2,5 millóns ás obras de urbanización na Agra dos Mallos, que permitirán mellorar as conexións coa intermodal entre Vioño e A Sardiñeira e construír un novo treito de carril bici que estará unido ao da avenida da Sardiñeira.