Friday 22 de November de 2024

O Concello de Neda licita a renovación da rede de abastecemento dende o centro de saúde ata a Mourela


O proxecto contempla a construción dunha beirarrúa ao longo da vía

O Concello vén de sacar a licitación as obras de renovación da rede de abastecemento de auga, deteriorada polo paso dos anos, entre o centro de saúde de Neda, situado en Albarón, e a estrada da Mourela. A intervención incluirá ademais a construción dunha beirarrúa na zona, mellorando así a seguridade dos peóns que utilizan esta vía.

O proxecto, cun orzamento de 98.809 euros, contempla, no que atinxe á mellora das canalizacións de distribución de auga potable, a instalación de tubaxe de polietileno, coas correspondentes válvulas, arquetas e entronques ás redes existentes, así como a renovación das acometidas domiciliarias que non cumpran cos estándares. A rede actual manterase en servizo ata o remate destas obras, garantindo así o subministro á veciñanza, equipamentos públicos e negocios da zona.

A intervención incluirá despois a reposición do firmes afectados pola obra na estrada que conecta coa Mourela e na contorna do centro de saúde, e completarase coa construción dunha beirarrúa con pavimento continuo de formigón ao longo da vía, e finalmente, coa sinalización horizontal e vertical.

As empresas que queiran facerse cos traballos, financiados con cargo ao POS + adicional 2024 da Deputación da Coruña, poden presentar as súas ofertas ata o 7 de novembro, segundo figura no perfil do contratante do Concello, onde se poden descargar os pregos do proxecto.