Friday 22 de November de 2024

Gran acollida do servizo gratuíto de transporte adaptado das Somozas, con máis de 400 viaxes


• O vehículo facilita que a veciñanza, sobre todo persoas maiores e/ou con discapacidades ou dependentes, acceda de xeito doado aos servizos sanitarios, administrativos, sociais, entre outros.

• Con esta iniciativa evítase tamén a exclusión daquelas persoas que permanecen en soidade moito tempo e fomenta que toda a veciñanza participe de actos culturais, de entretemento que na actualidade se ofertan a diario dende o Concello no Centro Cívico.

• A veciñanza interesada neste servizo de balde deberá chamar ao 881 042 066, con 48 horas de antelación

O servizo gratuíto de transporte adaptado do Concello das Somozas, posto en marcha fai pouco máis dun ano, está a gozar dunha gran acollida por parte da veciñanza, con máis de 400 viaxes realizados neste tempo.

Este vehículo adaptado facilita que a veciñanza, sobre todo persoas maiores e/ou con discapacidades ou dependentes do municipio, poidan acceder de xeito doado aos servizos sanitarios, administrativos e sociais da vila.

Con esta iniciativa evítase tamén a exclusión daquelas persoas que permanecen en soidade moito tempo e fomentar que toda a veciñanza participe de actos culturais e de entretemento que na actualidade se ofertan a diario polo Concello no Centro Cívico. Tamén emprégase para outro tipo de iniciativas en colaboración co CEIP O Marbán.

O servizo de transporte ten unha capacidade máxima de nove ocupantes e poden solicitalo as persoas empadroadas e con residencia efectiva nas Somozas. Así, as persoas interesadas en utilizar este transporte deberán chamar con 48 horas de antelación ao teléfono 881 042 066. Deberán facilitar nome e apelidos, teléfono de contacto, lugar de recollida e destino, e hora aproximada.

Persoas destinatarias
Considéranse colectivos prioritarios para o uso deste servizo as persoas maiores que non dispoñan de vehículo propio ou teñan dificultades para usalo. As persoas con dificultade de mobilidade, teñan ou non recoñecido grao de discapacidade ou dependencia. As persoas que vivan en zonas illadas, que vivan soas ou con outras persoas que teñan dificultades de mobilidade, e non teñan rede de apoio para levar a cabo os desprazamentos e as persoas usuarias da Casa do Maior.

Tras a posta en marcha do novo servizo o alcalde, Juan Alonso Tembrás, quixo “agradecer a disposición do persoal do centro de saúde para levar a cabo a colaboración sociosanitaria desta prestación e confiamos en que este novo transporte permita mellorar a accesibilidade aos servizos da nosa vila e sexa de gran axuda para todos os nosos veciños e veciñas con mobilidade reducida ou persoas maiores que precisen desta asistencia”.