Sunday 24 de November de 2024

En execución o proxecto de mellora da mobilidade e da accesibilidade no parque empresarial


O orzamento alcanza os 213.000 euros a cofinanciar pola Xunta de Galicia.

Xa está en fase de execución o proxecto dirixido a mellorar a mobilidade e a accesibilidade no ámbito do parque empresarial da Laracha, como puideron comprobar hoxe o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira Patricia Bello, nunha visita ao lugar das obras.

As intervencións localízanse na zona sur da área industrial. Por unha parte vaise crear unha nova vía -dando continuidade á xa existente- que enlazará o acceso principal co aparcamento para poder saír e entrar do polígono sen circular polas vías interiores e, así, desconxestionalas de tráfico.
Ademais, para facilitar o tránsito a pé construirase un novo tramo de beirarrúa precisamente desde ese mesmo lugar ata o viveiro de empresas, onde tamén se prevé acondicionar o entorno para habilitar un maior espazo de estacionamento de vehículos.

As novas infraestruturas viarias contarán co correspondente alumeado público. Tamén se aproveitarán as actuacións para ampliar as redes de abastecemento e saneamento e reforzar a recollida de augas pluviais.

O proxecto presenta un orzamento próximo aos 213.000 euros e é cofinanciado pola Xunta de Galicia ao abeiro do programa de subvencións encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais.

O da Laracha é un dos polígonos industriais de referencia no norte da provincia da Coruña, cunha ocupación que alcanza o 82 % e estando actualmente en trámite a futura ampliación.

Con este proxecto, e outras iniciativas municipais, o Concello actúa para mellorar as infraestruturas do parque empresarial, favorecendo as comunicacións e aumentando a seguridade viaria tanto dos vehículos como dos peóns.