Friday 22 de November de 2024

A Xunta de Goberno aproba os proxectos de rehabilitación do complexo deportivo de Santa Isabel e de reurbanización da rúa García Lorca


A voceira do goberno local, Míriam Louzao, deu conta en rolda de prensa dos asuntos máis destacados da Xunta de Goberno, entre os que salientan a aprobación dos proxectos do polideportivo de Santa Isabel e da rúa García Lorca, así como do regulamento do funcionamento interno do Consello Municipal de Mocidade.

O executivo local deu luz verde esta mañá ao proxecto de reurbanización da rúa García Lorca cun orzamento de 1.198.901,06 e un prazo de execución previsto de 16 meses. “Somos conscientes da relevancia e do esperado desta obra que, como sabedes, temos que volver a sacar a licitación”, indicou a concelleira, que lembrou o histórico dun proceso que se viu afectado pola suba de prezos. “Agora, a Xunta de Goberno local aprobou o proxecto reformado co fin de acutalizar os prezos recollidos en función do mercado actual e tamén para facer una revisión técnica do documento”.

O obxectivo xeral perseguido para esta rúa consiste, basicamente, en dous aspectos fundamentais: a mellora das condicións de accesibilidade e a substitución e renovación das instalacións urbanas. “Este goberno quere darlle o impulso necesario, por fin, a unha obra moi esperada pola veciñanza que se suma ás actuacións que vimos facendo e coas que buscamos ter unha Compostela máis amigable para a veciñanza”, incidiu Louzao.

Rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel

“Nese obxectivo de ir facendo realidade obras moi demandadas e necesarias na procura dunha mellor Compostela, é tamén relevante destacar que na Xunta de Goberno local de hoxe aprobamos o proxecto de execución da ‘rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel”. Neste caso trátase da rehabilitación da envolvente do complexo para a mellora do comportamento enerxético, a sostibilidade do conxunto, a accesibilidade, a habitabilidade e mantemento das instalacións.

Lembrou a voceira que “falamos dun proxecto moi relevante”, que ten un orzamento de 3.018.449,40 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de 8 meses unha vez licitado. Conta cunha axuda do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) do Estado e por tanto ten que estar executada antes do 31 de decembro do 2025. Alén do anteproxecto que estaba previsto cando se solicitou esta axuda, incorpórase agora unha mellora na cuberta para evitar a condensación.

Míriam Louzao salientou o compromiso “coa mellora das instalacións deportivas pois é unha necesidade importante do noso Concello e porque o deporte tamén ten que ver, e moito, coa calidade de vida desa Compostela boa de vivir”.

Aprobación do Regulamento do Consello municipal de Mocidade

Noutra orde de cousas, na Xunta de Goberno local tamén se deu luz verde ao Regulamento de funcionamento interno do Consello Municipal de Mocidade. Segundo indicou a voceira do grupo de goberno, “tras o prazo de consulta aceptáronse as achegas realizadas polo Consello do estudantado da USC”e agora terá que ser remitido ao Pleno para a súa aprobación inicial.

O obxectivo da norma é adaptar este órgano non só ás novidades lexislativas senón tamén á realidade social actual, máis heteroxénea e na que existen novas canles de participación que non existían hai 20 anos. Así mesmo, o Centro Xove da Almáciga contará cun papel destacado no órgano, no que tamén terán máis presenza as entidades e asociacións de tempo libre, os centros educativos e a Universidade.

Outros asuntos

Hoxe tamén se acordou o nomeamento das persoas que conformarán o xurado para “III edición de premios á excelencia empresarial Axenda Urbana 2030” e aprobouse o convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e o Instituto de Educación Secundaria Rosalía de Castro para o Bacharelato Internacional por 6.208 euros.

Sen saír do ámbito educativo, acordouse solicitar á Deputación da Coruña unha subvención para a Escola Municipal de Música para o ano 2025 por 12.500 euros e outras dúas no ámbito sociocultural: unha para os centros do rural, neste caso de 75.000 euros, e unha nominativa para financiar o sostemento do CSC do Ensanche por 140.042,13. Ambas para o 2024 e ambas solicitadas tamén á Deputación da Coruña.

Por último, tomouse coñecemento da sinatura dun convenio con COGAMI por 15.000 euros para levar a cabo actividades para persoas con discapacidade. Míram Louzao tamén deu contra dunha xunta de goberno extraordinaria na que se aprobou o convenio co Motoclub Móvete na Moto por 30.000 euros, e outro coa Asociación de Artesáns e Comerciantes Ourives de Compostela por 20.200 euros.