Friday 22 de November de 2024

A piques de adxudicarse o novo contrato de xestión da EDAR de Ortigueira


• O alcalde, Valentín Calvín, reuniuse co director de Augas de Galicia, Roi Fernández Añón, que se comprometeu a estudar a xestión da depuradora de Espasante.

A pasada semana, o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, mantivo unha reunión co director de Augas de Galicia, Roi Fernández Añón, co obxectivo de avaliar os traballos de explotación, mantemento e conservación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Ortigueira. Esta instalación, cuxa xestión está delegada na entidade autonómica no marco da Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, é clave para o saneamento do municipio.
Durante o encontro, Fernández Añón avanzou o estado do proceso de licitación do novo contrato de servizo para a explotación, mantemento e conservación da EDAR de Ortigueira, o cal xa conta cunha proposta de adxudicación.
Pola súa banda, Calvín expresou o seu interese en que a entidade autonómica tamén asuma a xestión da depuradora que dá servizo ao núcleo de Espasante. O obxectivo é crear sinerxias e mellorar a eficiencia na explotación conxunta das dúas depuradoras. Desde Augas de Galicia comprometéronse a realizar os traballos técnicos previos necesarios para coñecer en detalle o funcionamento da instalación en Espasante e estudar a viabilidade de asumir a súa xestión.
Esta reunión reafirma o compromiso do Concello de Ortigueira en mellorar a xestión do ciclo da auga, en liña coas oportunidades ofrecidas pola nova Lei de mellora do ciclo integral da auga, que permite que a Xunta de Galicia asuma parte da xestión municipal da auga, apostando por unha xestión máis profesional e especializada.