Friday 22 de November de 2024

A Aula Mentor EducaOroso oferta un curso avanzado de deseño e modelado en 3D


O Concello de Oroso, a través da Aula Mentor EducaOroso, vén de incorporar o curso “Deseño en 3D con Sketchup avanzado” á súa oferta formativa, de forma que o alumnado pode cursalo de xeito online no momento que mellor lle conveña, aínda que o tempo que estima preciso para realizar este curso é de dous ou tres meses. A matrícula pódese realizar na Aula Mentor EducaOroso (rúa do Deporte 7, Sigüeiro) ou no 981 688 950.

SketchUp é un software para aprender a modelar en 3 D de forma rápida e precisa. Trátase dn programa que supuxo unha revolución no campo do deseño e que está a mellorar o traballo no ámbito profesional e educativo debido á súa sinxeleza, versatilidade e posibilidades creativas. Para cursar este curso é preciso ter cursado o nivel anterior, pois o obxectivo é afondar no uso de ferramentas avanzadas, compoñentes e engadidos para dotar aos proxectos dun aspecto profesional.

Polo tanto, o curso está dirixido especialmente a persoas afíns ao mundo do deseño e a arquitectura que queiran saber como presentar ideas e modelos en 3D dun xeito doado, intiuitivo e divertido; así como deseñadores gráficos, enxeñeiros, proxectistas e estudantes universitarios que desexen introducirse no deseño en 3D por ordenador. Ademais, os alumnos que superen unha proba presencial poderán obter un certificado de aproveitamento expedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.