Friday 22 de November de 2024

O outono da Pobra volve poñe-lo foco nos cogomelos coas VIII Xornadas Micolóxicas


Tempada de outono, tempada de cogomelos. A Pobra do Caramiñal afonda no mundo micolóxico coa oitava edición das xornadas. Durante a presentación desta axenda, o concelleiro do Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro, xunto coa técnica municipal desta área, Beatriz González, manifestou que “dáselle continuidade a unha programación focalizada no outono para coñecer máis sobre os fungos. Este ano poñemos especial énfase nas súas propiedades na gastronomía. Seguimos, ademais, un formato similar a anteriores edicións, con varias accións para lle achegar á rapazada esta rama da bioloxía e inculcar entre o resto da cidadanía o aproveitamento deste recurso natural.” O edil tamén incidiu na importancia de recupera-los bosques autóctonos, por ser onde máis agroman os cogomelos.

As imaxes galardoadas nas convocatorias previas do concurso fotográfico de micoloxía xa están expostas nos CEP Salustiano Rey Eiras e CEP Pilar Maestú Sierra, instalacións educativas onde permanecerán ata finais do mes de novembro. O prazo de participación no certame deste ano pecha no 27 de outubro, ás 23.59 horas. Repartirá 750 euros en premios baixo o formato de vales de compra para trocar no comercio local.

Outra actividade orientada á comunidade educativa é o obradoiro micófilo que se impartirá no dito colexio de Bandaseca, no mércores 6, e no de Cadreche, no xoves 7.

Xa dirixida ao público xeral, María Cabaleiro, de MycoGalicia Plantae, disertará sobre Cogomelos: gastronomía e nutracéutica, no venres 8, ás 20.30 horas, no auditorio da biblioteca municipal.

Haberá tamén un taller familiar de inoculación de shiitake a cargo do micólogo Miguel Tembra. Será no sábado 9, ás 17.00 horas, no centro sociocultural do Vilariño. Está pensado para rapazada ata 12 anos, que deberá acudir acompañada dunha persoa adulta.

E o domingo 10 concentrará o groso das propostas para despedir esta oitava edición das xornadas. Tocará saír ao monte e o traslado efectuarase en vehículos particulares, co punto de encontro nas inmediacións do mercado municipal, ás 10.00 horas. E, despois, a atención desprazarase á praza de abastos coa exposición de cogomelos e a entrega dos premios do VIII Concurso Fotográfico de Micoloxía, ás 13.00 horas, para asistir posteriormente á degustación gastronómica da man de Luis Arijón, xefe de cociña do restaurante Nojira, ás 14.00 horas, con preferencia das persoas participantes na excursión.

Tódalas propostas son de balde e unicamente requiren a inscrición previa o obradoiro familiar, a saída ao campo e a degustación gastronómica a través do enderezo electrónico apobra.micoloxia@gmail.com.