Friday 22 de November de 2024

Naraío e Igrexafeita andan xa cos preparativos dos seus magostos


O tempo que estamos tendo semella máis unha prolongación do verán monzónico deste ano que o outono galego que debería ser. E iso que os días de Santos e Defuntos están a tiro de pedra no calendario, como datas que se asocian xa cos días frescos e curtos e, sobre todo, coa celebración dos magostos e, máis recentemente, tamén do Samaín. A falta de que o Concello desvele que ten preparado para eses días, as asociacións veciñais de Naraío e Igrexafeita xa deron a coñecer o cartel das actividades que están preparando en ambos casos para o sábado 2 de novembro.

Quen antes comezará a súa programación é a Asociación veciñal O Castelo de Narahío, quen ten previsto recibir no local social da Veiga, a partir das 18:00h, a todas aquelas nenas e nenos que queiran participar na exposición e concurso de cabazas.

Deseguido, ás 19:00h, toda a atención concentrarase no escenario para abraiarse cos números de ilusionismo nas “Ledicias 2.0” do Mago Paco, un espectáculo con números clásicos e modernos que, trala súa recente actualización, promete ser o dobre de máxico e o dobre de divertido.

Tan pronto como remate a actuación do mago, sobre as 20:00h, a rapazada e as súas familias farán un pequeno percorrido polos lugares de Correlo e o Eirexado para deixaren en muros e ribazos as súas cabazas acesas. Esta volta das Ánimas rematará no punto de partida -o local social da Veiga- onde se servirán castañas, sopa de cabaza e papas de melón.

A noite do Magosto e Samaín de O Castelo de Narahío rematará esconxurando os malos espíritos cunha queimada e cunha foliada aberta.

Magosto en Igrexafeita
O sábado 2 de novembro tamén se desenvolverá o Magosto organizado pola Asociación veciñal Adiante de Igrexafeita. Neste caso a proposta é xuntarse a partir das 20:30h, momento no que a empresa de animación LaGuaGua ofrecerá o espectáculo de música e xogos participativos “Cantabaila”, que nesta ocasión terá unha temática centrada no Samaín.

Para Adiante de Igrexafeita o magosto é unha escusa para o reencontro da veciñanza que aínda reside na parroquia e a que marchou, nunhas datas en que moita xente retorna para honrar as súas persoas defuntas. Neste sentido, a entidade ofrecerá, entre contos e parolas, unha cea con castañas asadas, empanada, xamón escaldado e sobremesa.

A cea é gratuíta para as persoas socias, mentres que as non socias da entidade deberán pagar 5€. Iso si, hai que apuntarse antes do 30 de outubro chamando aos teléfonos 696 912 975 ou 650 484 580.

Lembramos que calquera entidade pode publicitar os eventos e actividades que organice a través dos medios de comunicación municipal – web sansadurnino.gal, Facebook, Twitter, Instagram e Whatsapp- enviando o cartel anunciador ou a información cos datos básicos ao correo do técnico de Cultura, agustin.perez@sansadurnino.gal, ou ao de comunicación: concellodesansadurnino@gmail.com.

Ademais de compartirse na web e nas redes sociais municipais, o evento de que se trate tamén se enviará aos xornais e medios de comunicación locais para que teña maior difusión.