Friday 22 de November de 2024

Facundo Medard e Alba Raso, vencedores da carreira popular do Ventorrillo, que marca o treito final desta décimo primeira edición do circuíto Coruña Corre


Os concelleiros Manuel Vázquez e Nereida Canosa entregaron os trofeos ás e aos gañadores na categoría absoluta, e animaron á cidadanía a participar na última proba do calendario deste ano: o 24 de novembro, en Novo Mesoiro

Centos de persoas participaron este domingo na carreira popular do Ventorrillo, penúltima proba dun circuíto Coruña Corre que chega xa á súa recta final desta décimo primeira edición.

A xornada de hoxe arrancou ás 10.00 horas coa saída das e dos inscritos na categoría absoluta. O percorrido comezou no cruzamento entre as rúas Alcalde Jaime Hervada e Alcalde Salorio Suárez. O primeiro treito da carreira transcorreu polo interior do Ventorrillo, pasando tamén pola rúa Mosteiro de Caaveiro para, posteriormente, pasar polas pistas que bordean os núcleos poboacionais da Silva, Penamoa e o lugar de Cances.

Facundo Medard e Alba Raso, cuns tempos de 00:17:21 e 00:20:59, foron os vencedores desta quenda en categoría masculina e feminina, respectivamente. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, foron os encargados de entregarlle os trofeos ás e aos ocupantes do podio, e animaron aos e ás asistentes a tomar parte na derradeira proba de Coruña Corre, que terá lugar no barrio de Novo Mesoiro o vindeiro 24 de novembro.
Xa tras a disputa da proba absoluta foi o turno das categorías inferiores, con participantes en sub-18, sub-16, sub-14, sub-12, sub-10 e peques. En función da súa idade, as e os deportistas percorreron trazados de entre 110 e 2.200 metros, tanto en asfalto como en pistas.

Manuel Vázquez destacou unha vez máis a importancia do circuíto de carreiras populares Coruña Corre na programación deportiva anual da cidade, “tanto polos valores saudables que promove como polo impacto positivo que ten en termos de visibilización para os barrios, dous factores fundamentais nas políticas do Goberno de Inés Rey”.