Hoxe é un día moi especial para esta parroquia de Ribeira porque se celebra o Centenario da Confraría de Pescadores de Carreira-Aguiño, unha efeméride moi importante xa que non se explica a evolución do pobo de Aguiño sen o papel vertebrador deste pósito constituído en confraría no ano 1924.
Para esta ocasión a actual confraría e o seu patrón maior, José Antonio Santamaría ten previsto facer diferentes actos para dignificar e celebrar dito centenario. Hoxe ás 10:00 h convocouse o acto de inauguración no que o alcalde de Ribeira, Luís Pérez tivo a honra de inaugurar.
Nun acto que se celebrou no auditorio da Casa do Mar de Aguiño non faltaron diferentes persoeiros do ámbito político e social que se mantiveron moi receptivos ao seminario organizado para esta xornada de apertura que levaba como título “Seminario sobre as confrarías de pescadores como modelo para un ordenamento da pesca na Galicia do século XXI”.
Barral no seu discurso de inauguración agradeceu publicamente o traballo incansable que fai a Confraría, “grazas a vós homes e mulleres de mans curtidas polo salitre, de facianas marcadas polo vento e corazóns que latexan ao ritmo das mareas, hoxe gozamos dun mar vivo e próspero, un mar que deu de comer a tantas xeracións e que se o coidamos, seguirá sendo o noso maior aliado no futuro”.
Luís Pérez afirmou que esta entidade foi o verdadeiro temón do crecemento, ao facilitar que os veciños pasaran de traballar a terra para dominar as artes do mar e co tempo na preservación das nosas tradicións pesqueiras, defendendo sempre as artes de pesca artesanais, sostibles e respectuosas co medio natural; “un compromiso de futuro que demostra que non fai falta arrasar os nosos recursos para vivir deles senón ao contrario; a pesca responsable é a chave para garantir que noso mar siga sendo fonte de riqueza para as próximas xeracións”.
O rexedor rematou o discurso rendéndolle unha homenaxe a todas esas mulleres e homes que, ao longo destes cen anos, “traballaron e seguen traballando dende a confraría para coidar do noso mar e para mellorar a vida da veciñanza. A todos eles e a rodos vós, o meu máis sincero agradecemento e recoñecemento” e engadiu “e que ninguén o esqueza, esta parroquia, esta confraría naceron do mar, creceron co mar e con el seguirán navegando cara un horizonte de prosperidade”.
A inauguración deu o paso á lección maxistral: “Os pósitos e as confrarías de pescadores como sistemas de desenvolvemento das localidades costeiras”: a Confraría de Aguiño como modelo, a cargo do historiador Daniel Bravo Cores e presentado por Ciprián Rivas Fernández
Daniel Bravo tamén Percebeiro de Honra da pasada edición da XXV Festa do Percebe cuxo pai formou parte da propia Confraría que agora polo Centenario lle solicitaron un traballo de investigación sobre o pósito que dará a luz a un libro para selar esta efeméride. No día de hoxe dou unha lección maxistral dos comezos deste pósito e de todas as etapas históricas que sabeu superar con esforzo e bo traballo ligado ao propio crecento de Aguiño.
A xornada de tarde contou ca presenza do conselleiro de Mar, Alfonso Villares que descubriu unha placa conmemorativa xunto co Patrón Maior, José Antonio Santamaría para despois retornar ao auditorio da Casa do Mar para facerlle unha homenaxe e entrega de diplomas e agasallos aos socios máis veteranos da confraría: Jose Fernández Gude, Manuel Sampedro Rey, Gerardo Santamaría Olveira, Josefa Ramos Hermo, María Isabel Abraldes Regueira e Ramona Irene Álvarez.
Santamaría quiso ter unhas palabras para todos os asistentes e para a veciñanza “Aquel 19 de outubro de 1924 os que asinaban a acta de constitución do pósito de Carreira-Aguiño, Ángel Albariño, Pedro Malillos, Eduardo Somoza, Nicolás Filgueira, José García Sampedro, Andrés Pérez Campos… e outros eran conscentes de que ía comezar unha nova etapa nas dúas parroquias. Unha, na que as xentes do mar se sentesen máis protexidos e todos xuntos puidesen marcar liñas de futuro” e finalizou, “aquí está o noso pan e dos nosos fillos e os primeiros en entedelo somos os que nos adicamos a estes ofícios. Ninguén debería ser máis coidadosos que nos mesmos. As confrarías de pescadores levan tempo no cheminea do volcán moitos anos e fumos dados por desaparecidos en mais dunha ocasión. Sen dúbida, que quedan retos por afrontar e actualizar moitos dos nosos procedementos para non sermos só un actor da economía social. O espírito asociativo debería ser a argamasa que nos una. Aquí cabemos todos e todos debemos turrar uns dos outros para seguir a senda xa comezada fai hoxe, cen anos”.