Enxalza o sentimento de irmandade entre as dúas comunidades e chama a reforzar os lazos históricos que nos unen desde o punto de vista social, cultural ou económico
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, avogou hoxe por seguir afianzando os vínculos indisolubles que comparten Galicia e Asturias.
Durante a súa participación no acto de entrega das insignias de ouro e prata do Centro Asturiano da Coruña, ao que acudiu en representación do presidente da Xunta, Ángeles Vázquez enxalzou o “sentimento de irmandade” entre as dúas comunidades e chamou a reforzar os “profundos lazos históricos” que nos unen desde o punto de vista social, cultural ou económico.
Nesa liña, subliñou que esa proximidade se consolidou como un sentimento de cooperación e entendemento recíproco que nos permite ir da man naquelas cuestións que afectan aos nosos intereses, como os danos provocados polo lobo ou a reivindicación do corredor atlántico.
O Centro Asturiano da Coruña entregou a súa insignia de ouro ao alcalde de Oviedo, Alfredo Cantali, mentres que Juan Manuel Gregorio Zapico (a título póstumo), José Manuel Rodríguez Álvarez, Emilio de la Fuente Martínez, Jesús Fernández González, Marcelino Fernández Suárez e Guillermo Brañas Míguez recibiron a distinción de prata. A entrega destes distintivos coincidiu coa celebración do Desarme, tamén coñecido como Menú da paz, co que se conmemora o fin das guerras carlistas.