Friday 22 de November de 2024

A Xunta reforzará en 2025 o programa de bolsas BEME para a mocidade galega do exterior, ampliando o orzamento e incorporando estudos de Grao


― José González puxo en valor esta iniciativa pioneira impulsada polo Goberno galego desde 2017 para atraer talento cualificado e fomentar o retorno da mocidade galega universitaria que reside no exterior

― Os 250 participantes no presente ano académico, no que se triplicaron as solicitudes recibidas con respecto á primeira edición, cursan estudos en 81 titulacións diferentes, en áreas como as ciencias sociais e xurídicas, enxeñaría e arquitectura ou ciencias

― Avanzou que en 2025 a Xunta reforzará o programa, incrementando o seu orzamento a 2,7 millóns de euros e incorporando na oferta os estudos de grao

― As BEME son unha das medidas englobadas na Estratexia Galicia Retorna, dotada con 450M€ para favorecer ata o 2026 o regreso de 30.000 galegos, incorporando o seu talento ao tecido produtivo para cubrir vacantes e afrontar o reto demográfico

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou esta mañá na benvida aos actuais beneficiarios das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), unha iniciativa pioneira impulsada polo Goberno galego desde 2017 para atraer talento cualificado e fomentar o retorno da mocidade galega universitaria que reside no exterior.

Durante a súa intervención no acto de benvida -no que tamén estivo presente o alcalde de Oroso, Alex Doval-, José González recoñeceu a excelencia académica dos bolseiros e bolseiras desta 8ª edición, que xa están a cursar os seus mestrados nalgunha das tres universidades galegas, así como a súa valentía para dar o paso de facelo na terra de orixe dos seus ancestros ou, no seu caso, para tomar a decisión de regresar despois de ter buscado oportunidades fóra. Así, destacou que son un exemplo do talento e da capacidade que a Xunta de Galicia quere impulsar para seguir fortalecendo o desenvolvemento da comunidade.

O conselleiro sinalou que as bolsas BEME non son só unha medida que responde a unha débeda histórica que ten Galicia con toda a colectividade do exterior, senón tamén unha ferramenta estratéxica clave para a atracción de talento e a suma de capacidades ao noso tecido produtivo, permitindo fixar poboación -especialmente na Galicia non urbana- e dar resposta a grandes retos do mercado laboral, como son a cobertura de vacantes. Neste senso, avanzou que en 2025 a Xunta reforzará o programa, incrementando o seu orzamento a 2,7 millóns de euros, e incorporando na oferta os estudos de grao.
Sinalou que a Galicia noutrora emigrante é hoxe unha terra de acollida, próspera, moderna e chea de oportunidades, convidándoos a valorar a súa permanencia aquí para vivir e integrarse no mercado laboral unha vez remate a súa formación. De feito, indicou, segundo os datos recollidos das últimas promocións, preto dun 80% quedan en Galicia, a maioría deles con traballo e ata un 40% pensando en emprender. Así mesmo, máis dun 90% dos bolseiros recomendarían a un familiar ou amigo vivir en Galicia.

Finalmente, o titular de Emprego puxo en valor que estas bolsas son unha das múltiples accións enmarcadas na Estratexia Galicia Retorna -dotada con 450 millóns de euros-, que xa é un exemplo a seguir para outras comunidades autónomas polo seu éxito. Esta estratexia inclúe un amplo abano de medidas para favorecer ata o 2026 o regreso de 30.000 galegos e descendentes, que tamén abranguen o programa Retorna Cualifica Emprego, as axudas para o emprendemento ou as axudas extraordinarias para o retorno.

Bolsas BEME

Con este programa pioneiro, a Xunta oferta a galegos universitarios residentes fóra de Galicia desde fai máis de dous anos ou descendentes de galegas e galegos con titulación superior a posibilidade de adquirir unha especialización académica de mestrado nalgunha das tres universidades públicas.

Na presente edición participan 250 mozos e mozas, maioría procedentes da Arxentina, Venezuela, O Uruguai, O Brasil e O Reino Unido. Deles, 113 cursos os seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 84 na de Vigo (UVigo) e 53 na da Coruña (UDC), nun total de 81 titulacións diferentes, en áreas como as ciencias sociais e xurídicas, enxeñaría e arquitectura, ciencias, saúde e arte e humanidades.
A bolsa, cun importe que varía entre os 8.000 e os 12.500 euros dependendo da rexión de procedencia e do número de créditos a realizar, cubre gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención en Galicia. Desde o ano 2017, e cun investimento total de 12,3 millóns de euros, as bolsas BEME xa permitiron o retorno de 1.500 mozos e mozas.