A estructura superará os dous metros de altura e situarase na parte intermedia do areal
O Concello da Coruña comezará o próximo luns 21 de outubro os traballos para levantar na praia de Riazor a duna de area que protexerá o Paseo Marítimo dos posibles temporais costeiros da próxima tempada invernal. A empresa responsable do servizo utilizará maquinaria especializada para levar a cabo os traballos, que transcorrerán ao longo da semana que vén. Desta forma, o Goberno de Inés Rey busca implementar medidas encamiñadas a garantir a seguridade das persoas e das infraestruturas durante os meses de inverno.
A duna superará os dous metros de altura e situarase na parte intermedia do areal, cunha separación de seguridade con respecto ao Paseo Marítimo. O obxectivo, como cada ano, é minimizar o impacto dos fenómenos costeiros no tráfico e nos elementos próximos ao litoral.
A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, lembrou que “durante os próximos seis meses, o persoal municipal revisará de maneira continua esta estrutura para planificar posibles reforzos en caso de ser necesarios en función dos temporais e fenómenos costeiros”.
A duna de Riazor levantouse por primeira vez no ano 1995 como resposta a un forte temporal que derrubou a antiga balaustrada do Paseo Marítimo ao seu paso por este areal. Este tipo de situacións meteorolóxicas danse entre unha e tres veces ao ano de media.
A duna permanecerá en Riazor ata mediados de maio do ano de que vén, data na que será retirada para deixar as praias preparadas para o goce da tempada de baño a partir do 15 de xuño de 2025.