A substitución das vellas lámpadas de descarga suporá rebaixar o consumo eléctrico nun 42% e evitar 11,8 toneladas de emisións de CO2 á atmosfera
San Sadurniño financiará con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental a renovación do alumeado público na principal vía que cruza o centro urbano municipal. Investiranse case 37.000 euros na substitución das vellas lámpadas de descarga por outras máis luminosas e, ao tempo, máis eficientes desde o punto de vista enerxético. En total instalaranse 87 dispositivos LED desde a estación de servizo de Cornide -preto do límite con Narón- ata pasado o Outeiro, o que permitirá rebaixar o consumo eléctrico nese tendido en case un 43 por cento.
O Fondo de compensación ambiental é unha partida económica que se distribúe entre aqueles concellos que teñen parques eólicos no seu territorio. Os cartos proveñen do que lle pagan as eléctricas á Xunta por cada muíño de vento instalado e debe reinvestirse en actuacións para beneficio público. A San Sadurniño correspondéronlle no prorrateo deste ano un total de 36.988,98 euros, que se investirán na súa totalidade na renovación do alumeado público da AC-862 ao seu paso polo centro do municipio.
A actuación arrancará preto do límite con Narón e estenderase ata a saída do casco urbano, no lugar do Outeiro, substituíndo as lámpadas de descarga instaladas hai case trinta anos pola moderna teconoloxía LED que, se ben é máis cara nun primeiro momento, á larga ofrece mellor resultado por varias razóns: por durabilidade -o LED ten unha maior vida útil-, por capacidade lumínica -a intensidade da luz non se degrada co paso do tempo- e, principalmente, por aforro eléctrico. E é que estes dispositivos son capaces de iluminar máis e mellor, sen practicamente mantemento e cunha notable rebaixa no consumo.
O proxecto técnico redactado polo Concello apunta a que dos preto de 82 Kwh actuais se pasará a uns 46,8 Kwh de consumo, o que supón unha redución do consumo nun 42%. Ademais, cómpre lembrar que a rebaixa tamén terá unha incidencia porcentual aínda maior na factura eléctrica, xa que o actual sistema de tarificación eléctrica grava máis a potencia contratada que a realmente consumida. En termos ambientais o estudo tamén sinala que o novo alumeado público evitará o equivalente a emitir case 12 toneladas de CO2 á atmosfera.
Os fustes dos farois manteranse, só cambiarán as lámpadas e o sistema de control do sistema. De feito o novo alumeado terá a mesma distribución que o actual -ao longo da AC-862 e en conexións con vías adxacentes- e o que se redistribuirá será a potencia instalada en cada zona, asegurando un bo nivel medio de luz e unha distribución máis uniforme. Así colocaranse 40 lámpadas de 140w, outras 35 de 100 e 12 de 50w.
A iniciativa forma parte do programa municipal de aforro enerxético aplicado ás infraestruturas públicas, co que se busca reducir o capítulo de gasto corrente por medio da optimización dos consumos tanto en alumeados públicos como noutras instalacións e equipamentos de titulariedade municipal. O programa incide na adopción de tecnoloxía máis eficiente pero tamén na revisión unha por unha das facturas de subministración para detectar posibles erros e mesmo para avaliar cambios cara a comercializadoras con prezos da electricidade máis competitivos.