Friday 22 de November de 2024

Neda celebrará o Día das Bibliotecas cun ciclo de espectáculos de dinamización para 300 escolares


Neda sumarase un ano máis á conmemoración do Día das bibliotecas (24 de outubro). E farao activando ao longo da vindeira semana o programa “Do cole á biblio”. A iniciativa, que incluirá tres espectáculos, desenvolverase na Casa da Cultura, e estará dirixida ao alumnado de infantil e primaria dos CEIP de Maciñeira, San Isidro, así como os de Semente de Trasancos.

O ciclo desenvolverase co apoio do programa “Ler conta moito” da Rede de bibliotecas públicas de Galicia, e incluirá o luns, o martes e o mércores da vindeira semana, sempre ás 12 horas, propostas de lecer para achegar ao público infantil da vila ao equipamento cultural, e convidalo a ler.

Así, o Concello de Neda organiza tres xornadas, con propostas ben diferentes, nas que pasarán polo principal equipamento cultural da vila ao redor de 300 estudantes da localidade.

O alumnado de cuarto, quinto e sexto de primaria dos coles nedenses poderá desfrutar o luns do espectáculo de ilusionismo “En samaín toca…maxia”, con Óscar Fernández. O martes será a quenda dos máis pequerrechos/as. Os nenos e nenas de infantil terán ocasión de divertirse e mover o esqueleto con Paco Nogueiras e o seu “Brinca vai! De aquí a acolá”. Por último, a rapazada de primeiro, segundo e terceiro de primaria gozará o mércores con “Contos de lobo”, unha proposta teatral interactiva de Ghazafelhos, cun toque de maxia e de circo.

A conmemoración do Día das Bibliotecas busca destacar a importancia deste equipamento como gardiás da cultura e da historia, e pór en valor o labor que desenvolven para fomentar o hábito de lectura entre o público infantil.