Hoxe asistiron o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, e o concelleiro de Sanidade, Juan Luis Furones, á entrega por parte da consellería de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez das Bandeiras Verdes que premian aos concellos que, como o de Ribeira, fan promoción das súas áreas verdes, fomentan a súa sustentabilidade e o esforzo na conservación do medio ambiente, sendo un dos poucos concellos que a manteen anos consecutivos.
Unha vez analizados todos os expedientes, resolveuse outorgar 24 galardóns a outros tantos concellos, o que supón un 33% máis que na edición anterior e a cifra máis alta de bandeiras verdes concedidas desde a creación deste distintivo.
Ademais, 11 dos municipios lucirán o galardón por primeira vez. Concretamente son: Ares, Begonte, Boiro, Cospeito, Larouco, Lugo (a primeira cidade galega en obter a bandeira verde), Muíños, Ribadeo, San Sadurniño, Silleda e Vilariño de Conso.
Así mesmo, tal e como destacou a conselleira, Porto do Son revalida por quinto ano consecutivo a súa bandeira verde, o que o converte no único concello galego que foi premiado en todas as convocatorias realizadas ata o de agora.
Ademais de Porto do Son, repiten como municipios galardoados, nunha ou en varias edicións anteriores, os de Cervo, Curtis, A Illa de Arousa, Muros, Ordes, Outeiro de Rei, Parada de Sil, Porqueira, Ribeira, Sanxenxo, Sober e A Laracha, que exerce como anfitrión.
A conselleira felicitou a todos os concellos distinguidos este ano e salientou a importancia da Bandeira Verde de Galicia pola visibilidade que lles outorga como territorios “responsables e comprometidos” co impulso de diferentes tipos de accións e boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; xestionar de xeito responsable os residuos municipais, e sensibilizar á cidadanía nesta materia.
Cómpre lembrar que a concesión deste recoñecemento supón, ademais, un mérito que se ten en conta e puntúa para a obtención de subvencións convocadas pola Xunta en materia de patrimonio natural e tamén no eido da xestión dos residuos.
Por último, Ángeles Vázquez aproveitou a súa intervención para avanzar que o Goberno galego manterá nos orzamentos de 2025 a súa aposta polo fomento do fermosismo e a protección da paisaxe, obxectivos compartidos tamén polos 24 concellos galardoados coa Bandeira Verde de Galicia.
Así, o IET destinará unha partida de 2 millóns de euros á nova convocatoria das dúas ordes de axudas —unha dirixida a concellos e a outra a particulares— para a corrección de impactos paisaxísticos en edificios, construcións e equipamentos públicos e en edificacións e vivendas privadas, unha iniciativa que desde o ano 2021 permitiu conceder 2.374 axudas por importe de preto de 9,6 millóns de euros.