Onte celebrouse unha charla informativa no local social da Asociación Cultural Nosa Señora do Faro de Brantuas.
O Concello de Ponteceso continúa coa súa aposta pola xestión sostible dos biorresiduos a través do programa de compostaxe doméstica, dirixido a aqueles fogares que dispoñan dun pequeno terreo para realizar este proceso. A última acción desta iniciativa celebrouse onte, no local social da Asociación Cultural Nosa Señora do Faro de Brantuas, onde tivo lugar unha charla informativa á que asistiron o alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, técnicos municipais e a veciñanza inscrita no proxecto.
Durante a xornada, os asistentes recibiron unha detallada explicación sobre o proceso de compostaxe, os seus beneficios ambientais e as boas prácticas para levar a cabo esta actividade de maneira eficiente. Así mesmo, fixéronse entrega de 61 composteiros, xunto con aireadores e manuais de compostaxe, a aquelas persoas que se inscribiron na campaña.
O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, destacou a importancia deste tipo de iniciativas para a sustentabilidade e o medio ambiente no municipio: “A compostaxe doméstica é unha ferramenta fundamental para reducir a cantidade de residuos que xeramos e, ao mesmo tempo, contribuír á creación dun abono natural de grande calidade para os nosos xardíns e hortas. Con accións coma esta, avanzamos cara a un modelo de xestión máis respectuoso co medio natural e máis comprometido co futuro do noso concello”.
Mato tamén subliñou a importancia da participación cidadá neste tipo de programas: “Queremos agradecer a todas as persoas que se inscribiron e amosaron o seu compromiso coa compostaxe. A colaboración da veciñanza é clave para o éxito desta iniciativa e para seguir mellorando a calidade de vida no noso municipio”.
A iniciativa de compostaxe doméstica continúa aberta a toda a veciñanza de Ponteceso que dispoña dun espazo onde realizar o proceso. As persoas interesadas poden inscribirse a través da páxina web www.ponteceso.rsu.gal, onde tamén atoparán información detallada sobre o programa.