— En 2024 lucirán por primeira vez esta insignia 11 municipios galegos e Porto do Son é o único de toda Galicia que mantén a bandeira verde por quinto ano consecutivo
— Ángeles Vázquez avanza que no marco da aposta da Xunta polo fermosismo, o ano que vén se convocarán de novo axudas para corrixir impactos paisaxísticos por 2 M€
A Xunta acaba de conceder a Bandeira Verde de Galicia a un total de 24 concellos das catro provincias en recoñecemento ao seu compromiso medioambiental e ás boas prácticas desenvolvidas no eido do coidado da paisaxe e da súa contorna.
Acompañada do alcalde da Laracha, José Manuel López, da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e do delegado territorial de Lugo, Javier Arias, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou no acto de entrega dos distintivos esta mañá, en Caión.
Tras salientar que o Goberno galego impulsou en 2020 este distintivo para poñer en valor o traballo que están a realizar moitos concellos e animalos a seguir por ese camiño, a conselleira amosouse satisfeita pola acollida desta última convocatoria, no marco da cal o Instituto de Estudos do Territorio (IET) recibiu 34 solicitudes.
Unha vez analizados todos os expedientes, resolveuse outorgar 24 galardóns a outros tantos concellos, o que supón un 33% máis que na edición anterior e a cifra máis alta de bandeiras verdes concedidas desde a creación deste distintivo.
Ademais, 11 dos municipios lucirán o galardón por primeira vez. Concretamente son: Ares, Begonte, Boiro, Cospeito, Larouco, Lugo (a primeira cidade galega en obter a bandeira verde), Muíños, Ribadeo, San Sadurniño, Silleda e Vilariño de Conso.
Así mesmo, tal e como destacou a conselleira, Porto do Son revalida por quinto ano consecutivo a súa bandeira verde, o que o converte no único concello galego que foi premiado en todas as convocatorias realizadas ata o de agora.
Ademais de Porto do Son, repiten como municipios galardoados, nunha ou en varias edicións anteriores, os de Cervo, Curtis, A Illa de Arousa, Muros, Ordes, Outeiro de Rei, Parada de Sil, Porqueira, Ribeira, Sanxenxo, Sober e A Laracha, que exerce como anfitrión.
A conselleira felicitou a todos os concellos distinguidos este ano e salientou a importancia da Bandeira Verde de Galicia pola visibilidade que lles outorga como territorios “responsables e comprometidos” co impulso de diferentes tipos de accións e boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; xestionar de xeito responsable os residuos municipais, e sensibilizar á cidadanía nesta materia.
Cómpre lembrar que a concesión deste recoñecemento supón, ademais, un mérito que se ten en conta e puntúa para a obtención de subvencións convocadas pola Xunta en materia de patrimonio natural e tamén no eido da xestión dos residuos.
Por último, Ángeles Vázquez aproveitou a súa intervención para avanzar que o Goberno galego manterá nos orzamentos de 2025 a súa aposta polo fomento do fermosismo e a protección da paisaxe, obxectivos compartidos tamén polos 24 concellos galardoados coa Bandeira Verde de Galicia.
Así, o IET destinará unha partida de 2 millóns de euros á nova convocatoria das dúas ordes de axudas —unha dirixida a concellos e a outra a particulares— para a corrección de impactos paisaxísticos en edificios, construcións e equipamentos públicos e en edificacións e vivendas privadas, unha iniciativa que desde o ano 2021 permitiu conceder 2.374 axudas por importe de preto de 9,6 millóns de euros.