Tuesday 03 de December de 2024

A alcaldesa Goretti Sanmartín, satisfeita de que Santiago logre o imposto por estadía e abra camiño ao resto de concellos


A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, subliñou este venres que a capital galega “se sitúa na vangarda” tras facer unha proposta para a implantación do imposto por estadía e conseguir que a Xunta “dixese que si” á coñecida como taxa turística. “É un bo día que será lembrado e estou segura de que moitos concellos seguirán o camiño e a estela de Santiago”, proclamou.

A rexedora da capital galega estivo acompañada da portavoz do goberno e concelleira de Turismo, Míriam Louzao, e do concelleiro de Facenda, Manuel César, na reunión na sede da Xunta co conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, o director xeral de Turismo, Xosé Merelles, e a directora da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), Sonia Lafont.

En declaracións aos medios tras o encontro, Goretti Sanmartín destacou que hoxe “é un bo día para Santiago e para o conxunto de Galicia”. “Santiago sitúase na vangarda, facendo unha proposta que, finalmente, conseguimos que a Xunta dixese que si”, destacaou Sanmartín, quen mostrou o orgullo e satisfacción de poñer a primera pedra para que a taxa sexa unha realidade.

A alcaldesa lembrou que agora comeza o trámite parlamentar da normativa (incluída na Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta). Trasladou aos medios que o conselleiro de Facenda comunicoulle no encontro que nese periodo “pode enriquecerse a proposta” do texto.

O Concello mantén a súa petición de que sexa a Atriga a que recade e xestione o imposto, dado que ten os medios e as competencias para facelo. “Gustaríanos que a proposta que se fixese tivese realmente unha xestión e recadación por prte da Xunta, que ten os recursos e mecanismos e mellores posibilidades de facelo”, sostivo Goretti Sanmartín.

Financiación do estatuto de capitalidade

A preguntas dos medios, indicou que durante o encontro o conselleiro de Facenda comunicou que a porcentaxe que subirá o financiamento polo estatuto de capitalidade será do 10%, o que situará a cantidade en 2,6 millóns de euros. “Non podemos deixar de valorar como decepcionante esta cifra”, mantivo.

“Entendemos que na taxa turística si se cumple con Santiago, pero neste caso o presidente da Xunta non cumple coa capital deste país, non cumple cos compromisos de reunir o consello da capitalidade”, lamentou. Lembrou que se mantén por debaixo do máximo histórico de algo máis de 3 millóns de euros.