Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño licita en algo máis de 91.000 euros o aglomerado da pista dos Currás


A vía é un dos accesos ao campo de fútbol e a piscina municipal

O ancheado e reparación da pista que enlaza o Campo da Feira e a zona deportiva dos Currás é unha demanda veciñal que vén de vello. E agora vai facerse realidade por medio dun proxecto cuantificado en 91.355 euros que consistirá no ancheado da pista, o seu aglomerado e no soterrado de canalizacións. O contrato de execución, que se financiará con fondos provinciais, está nestes momentos en fase de licitación. O prazo para que as empresas presenten as súas ofertas remata ás 23:59h do próximo 24 de outubro.

A pista en cuestión arranca ao pé da Capela do Belén e chega até algo máis adiante da zona de estacionamento das instalacións dos Currás. Son 840 metros de lonxitude polos que se serven diariamente as veciñas e veciños dunha vintena de vivendas, ademais de moitas persoas usuarias do campo de fútbol e, no verán, tamén da piscina municipal.

De feito, o uso intensivo deste acceso nos últimos anos acelerou a aparición de danos e, ao tempo, tamén aconsellou “mellorar o firme e o ancho para darlle á pista maior seguridade”, comenta o alcalde, Secundino García Casal.

Nos pregos técnicos que figuran na Plataforma de Contratación explícase que, en xeral, a pista presenta un bo estado estrutural e só en determinados puntos empeza a mostrar sinais evidentes de desgaste. Ademais tamén se apunta que ao longo do trazado é necesario igualar a planimetría, co obxectivo de darlle maior regularidade e, de paso, un ancho uniforme.

“Son reparacións para as que non chega só con asfaltar, senón que fai falla unha intervención maior. Por iso, e para garantir que a pista quede arranxada para moitos anos, optamos por preparar un proxecto de aglomerado”, engade o rexedor.

A obra que agora se está licitando consistirá, polo tanto, na limpeza inicial de toda a superficie do trazado e tamén dos sedimentos acumulados en cunetas e taxeas. Posteriormente sanearanse os despefectos e, por último, botarase unha nova capa a base de aglomerado asfáltico de 5 centímetros de grosor.

A pista, ganará 45 centímetros por cada lado, pasando de 3,5 a 4,4 metros. Ese sobreancho obrigará a soterrar parte da cuneta na zona máis elevada, para o que será preciso instalar novas tubaxes e rexistros. Ademais tamén se prevé nivelar correctamente os puntos que dan acceso ás viviendas e fresar unha pequena parte do pavimento ao pé da capela para que o enlace entre a pista e Marqués de Figueroa sexa imperceptible.

A obra, que ten aberto o procedemento de licitación até o día 24, está orzamentada en 91.355,80 euros, impostos incluídos. O prezo final financiarase con cargo a un dos plans adicionais de 2024 da Deputación da Coruña.

A responsable provincial de Plans e Asistencia a Municipios, Cristina García Rey, visitou no mes de agosto o lugar onde se van executar os traballos. Daquela, tanto ela como o alcalde, Secundino García, destacaron os investimentos do Plan Único en San Sadurniño, que neste exercicio se sitúan en algo máis de 778.000 euros dirixidos a infraestruturas e servizos.