Saturday 23 de November de 2024

San Sadurniño recibe a súa Bandeira Verde de Galicia


Entrega das Bandeiras Verdes de Galicia celebrado esta mañá en Santiago de Compostela, no que San Sadurniño recibiu por primeira vez este distintivo.

Ao acto, presidido pola Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, asistiron en representación do Concello o alcalde, Secundino García Casal, e o concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela.

As bandeiras, que este ano se lle outorgaron a 24 municipios galegos, son un recoñecemento ao labor do Concello e da veciñanza a prol da sostenibilidade e das accións de preservación ambiental.

Neste sentido, San Sadurniño achegou na súa candidatura unha relación de políticas e programas concretos sobre aforro enerxético por medio do progresivo cambio a led da rede de iluminación pública, a auditoría sobre o estado do abastecemento de auga e as melloras no sistema de condución para evitar perdas, as campañas en materia de xestión responsable dos residuos (compostaxe, correcta separación, recollida de roupa usada en colaboración con Insertega) ou a posta en marcha da app Liña Verde de comunicación de incidencias.

Ademais, o Concello tamén incluíu na súa proposta proxectos supramunicipais como o Xeoparque do Cabo Ortegal, o programa de prevención e intervención ante o maltrato O Lavadoiro -compartido con Moeche e a Deputación da Coruña- e a participación na Fusquenlla, como centro que aposta polo desenvolvemento sostible do rural.

Alén destas, desde a área municipal de Desenvolvemento local, como encargada do dossier presentado á convocatoria autonómica, tamén se mencionaron as melloras na accesibilidade en distintas dependencias municipais -incluída a instalación dun elevador na piscina municipal-, e accións como o programa de lecer ambiental Terra de vida, as dúas grandes feiras que teñen lugar na Cortiña -a da Plantación e a Rural-, as liñas de colaboración con entidades do sector primario ou os recoñecementos acadados nos últimos anos dentro do programa Vilas en Flor.