A xornada, centrada no arte e a gastronomía, comezará ás 12.00 horas coa apertura do mercado de arte e contará con música e obradoiros de balde
Celebrarase o primeiro Concurso de Petiscos, dende as 13.00 horas, con entrega de premios ás 20.30 horas
A Coruña acollerá mañá, sábado 19 de outubro, unha edición especial do ‘Feirarrúa’ centrada no arte e a gastronomía. O Concello da Coruña colabora coa Federación Unión Comercial Coruñesa (FUCC) e a Asociación de Comerciantes Soho Orzán na organización da iniciativa. A xornada comezará ás 12.00 horas coa apertura do Mercado de Arte que se extenderá ate as 20.30 horas e contará con música e obradoiros de balde.
En concreto, ás 12.30 horas terá lugar o obradoiro infantil ’Lamber os dedos’ de elaboración de doces con praliné. Será de hora e media, rematando ás 14.00 horas. O seguinte será de arranxos florais para a mesa, ás 17.00 horas, da man de ‘Te prometo un jardín de rosas’ e ás 18.30 horas o último dos obradoiros, coa sumiller Sonia Molero sobre ‘Como escoller un viño para unha comida’ con cata de viños naturais. A música chegará a partir das 13.30 horas cunha sesión vermú da man de ‘Los Vintafonistas’ e seguirá ás 17.00 horas coa sesión DJ de Rompecinturas.
Celebrarase o primeiro Concurso de Petiscos, dende as 13.00 horas, con entrega de premios ás 20.30 horas. Estarán repartidos pola rúa Orzán diante dos establecementos participantes. O concurso consistirá na cata, por parte do público, das tapas ofertadas para o concurso e posterior votación podendo outorgar unha mención ao máis votado. En canto ao local gañador, será un xurado o que determine o gañador outorgándolle o primeiro premio do Concurso de Petiscos.
A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Sobral, sinalou que a colaboración na iniciativa vai na liña doutras actuacións postas en marcha polo Goberno de Inés Rey para a dinamización do comercio local na Coruña: “Os nosos comercios e productos son de primeira e eventos e citas como o Feirarrúa ou outras como os Mercados Sostible e Ecolóxico permítenos dalos a coñecer e poñer en valor” explicou.