A programación de eventos de cara á xornada inclúe a Carreira ENKI e o partido de fútbol entre o Deportivo e o Eldense, que suporán alteracións no tráfico en Riazor e Os Cantóns desde as 14.00 horas
O Concello habilitará este sábado 19 un novo reforzo nas liñas de transporte urbano para facilitar os desprazamentos de ida e volta ao Coliseum e a súa contorna con motivo do partido entre o Leyma Básquet Coruña e Unicaja, encontro da Liga ACB que comezará ás 19.00 horas.
Cómpre lembrar que a actual rede de transporte público da Coruña conta con dez liñas, 1-A, 4, 5, 12-A, 20, 22, 23, 23-A, 24 e UDC, que conectan os distintos barrios da cidade co Coliseum e a súa contorna. As ditas liñas seguirán prestando servizo nos horarios habituais e, ademais, o Concello activará un dispositivo especial na liña UDC, que contará con dous autobuses máis para incrementar as frecuencias correspondentes ás viaxes de ida e tamén as de regreso.
O reforzo de ida na Liña UDC será efectivo a partir das 18.00 horas do sábado, mentres que o incremento nas frecuencias de volta activarase xa á conclusión do partido. Cómpre lembrar que as paradas de autobús máis próximas ao Coliseum son as do campus universitario de Elviña e a de Alfonso Molina – Matogrande.
Neste sentido, o Servizo municipal de Seguridade Cidadá recomenda que, no caso de usar vehículo privado, se evite na medida do posible o estacionamento no Coliseum e o centro comercial lindeiro, ao coincidir no tempo o horario do partido e o de apertura ao público dos establecementos. Por iso, recoméndase estacionar nos espazos habilitados para esta finalidade en Xuxán e no campus universitario de Elviña, enclaves que contan con itinerarios e percorridos peonís conectados cos accesos ao Coliseum.
Este sábado, a programación deportiva chega a Riazor e Os Cantóns
A programación deportiva do sábado tamén suporá alteracións ao tráfico nas inmediacións de Riazor e tamén nos Cantóns.
Ás 16.00 horas comezará a Carreira ENKI na avenida da Mariña, polo que se pechará o tráfico entre Porta Real e o Obelisco dende dúas horas antes (14.00 horas), co obxectivo de facilitar os preparativos desta cita. A reapertura ao tráfico neste treito levarase a cabo de forma progresiva e ata que remate a proba, en torno ás 19.00 horas.
En todo caso, para acceder e saír aos aparcadoiros do Palexco, O Parrote e A Mariña poderase usar a avenida do Porto, que tamén estará aberta ás e aos usuarios do aparcadoiro do Náutico.
Dende as 14.00 horas, dispositivo especial na contorna do estadio de Riazor
A xornada do sábado tamén inclúe a disputa do partido entre o Deportivo e o Eldense, que se enfrontarán no estadio municipal de Riazor a partir das 16.15 horas. En consecuencia, haberá cortes de tráfico na súa contorna, na rúa Manuel Murguía e a avenida da Habana. Os ditos cortes serán efectivos a partir das 14.00 horas.
Seguridade Cidadá lembra que está prohibido estacionar vehículos nas beiras da Terceira Rolda, e que hai espazos habilitados para esta finalidade en puntos como o aparcadoiro público do parque Adolfo Suárez, por exemplo.